O cansazo e os postes frean o Teucro (32-26) fronte ao Handbol Bordils
Por Redacción
Pagou caro o Teucro o cansazo acumulado e caeu derrotado fronte ao Handbol Bordils (32-26), nun partido igualado ata a metade do primeiro período, pero resolto con dous parciais demoledores dos cataláns nos últimos dez minutos do primeiro tempo e os cinco primeiros do segundo.
Os pontevedreses acusaron o esforzo, pero tamén o desacerto e falta de fortuna en ataque, con cinco penaltis fallados e oito lanzamentos estrelados na madeira, ademais dunha arbitraxe permisiva coa defensa local.
Despois dun comezo con alternativas e vantaxes mínimas, os cataláns dan o primeiro estirón no marcador e con 11-10 fan un parcial de 4-0 que os distancia. César Arman e David García Pichel, con dous goles cada un, volven meter o Teucro no partido, colocando ao seu equipo só dous tantos, distancia que aumentaría co gol de Francesc Reixach, que deixaba aos cataláns con tres arriba no descanso.
Pero os comezos da segunda parte sentenciaron ao Teucro. Os locais escapáronse, axudados por unha serie de factores combinados. O Teucro seguía estrelándose cos postes e cunha actuación arbitral permisiva coas defensas, da que sacou partido o cadro local, máis intenso nas súas accións.
A consecuencia foi un parcial demoledor de 5-0, que situaba o marcador nun 22-14, case insuperable. O Teucro tardaría máis de oito minutos en facer o seu primeiro gol neste segundo tempo. Logo os cataláns foron administrando a renda, sempre amparados no bo labor en portaría de Jordi González.
Aínda así, os de Javier Barrios loitaron ata o final, e tirando de casta lograron poñerse a só tres goles de distancia, a falta de algo menos de cinco minutos, pero Bordils reaccionou e non deu opción a culminar a remontada.
HANDBOL BORDILS (32): Jordi González, Joan Comas (p.s.); Marc Canyigueral, Marc Combis (3), Álex Marco, Oriol Márquez (1), David Masmiquel (5), David Maso (4), Ignasi Moreno (4), Eduard Nono (8), Marc Prat (3), Francesc Reixach (3), Martí Vila (1) e Joan Vilanova.
S.D. TEUCRO (26): Juan Bar, Dani Cadilla (p.s.); César Armán (4), David Chapela (4), Marcos Dorado, Borja Pedreira (1), Carlos García (4), David García Pichel (7), Tomás Moreira (2), Miguel Porto, Víctor Rodríguez (2) e Miguel Sío (2).
Árbitros: Héctor Fraile Muñoz (Valencia) e Vicente Peris Orts (Andalucía). Excluíron por dous minutos a David Masmiquel (2), Martí Vila (2) e Marc Combis, polo conxunto local, e a David Chapela, polo Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 4-2, 6-5, 7-7, 11-9, 15-10, 17-14 (descanso), 21-14, 23-17, 25-19, 27-21, 27-23 e 32-26 (final).
Incidencias: Palau Municipal d'esports de Bordils "Blanc e Verd" (Bordils-Girona). Cheo, cuns 700 espectadores.