O intratable Futsi Atlético apea o Poio Pescamar nos oitavos de final de Copa (5-1)
Por Diego Espiño
O Poio Pescamar dixo este martes adeus á súa participación na Copa da Raíña tras caer, con honra, nos oitavos de final do torneo na cancha do intratable Futsi Atlético Navalcarnero (5-1).
Sabía o cadro conserveiro que a empresa era complicada, e é que para meterse na fase final de Copa había que superar a un Futsi que non coñece a derrota esta tempada na liga comandando a táboa de Primeira División. Aínda así non se aminalaron as xogadoras adestradas por Luís López-Tulla, poñendo en apertos ás locais.
Dani Sousa puido de feito adiantar ao Poio aos 5 minutos de xogo, nun man a man no que non logrou superar a gardameta Belén.
Era un duelo de poder a poder, e as madrileñas respondían cun enviou ao poste da portería defendida por Sandra Buzón. Ademais a arqueira vermella tiña que intervir en varias ocasións para manter unha igualada coa que se chegou ao descanso a pesar das ocasións de ambos os dous bandos.
Todo cambiou á volta de vestiarios, e é que en apenas un minuto o Futsi Atlético atopou premio co primeiro gol do partido por medio dun disparo raso de Ame Romero.
Pese o golpe o Poio Pescamar reaccionou logrando empatar de novo a contenda no minuto 26 cun duro tiro de Laura Uña que se coou na portería.
A igualdade era máxima, e nese momento, nun dicir amén, saíu a relucir a calidade das locais para decidir a eliminatoria. En catro minutos, os que van do 28 ao 32, poñían no marcador un contundente 4-1 con goles de Ari nun lanzamento de falta, de María Sanz nunha rápida transición e de Irene Córdoba rematando de cabeza un enviou en longo.
Faltaban 7 minutos e López-Tulla apostou polo xogo de cinco para apurar as opcións do Poio Pescamar, que roldou o gol para reducir distancias pero que non o conseguiu certificando o seu KO na Copa da Raíña. Si chegaría o quinto gol do Futsi nun arro na saída do balón.
Toca agora centrarse na liga, coa certeza de que poden competir sen complexos coas actuais campioas.