Aberto o prazo de presentación de candidaturas para a Gala do Deporte de Marín
Por Redacción
O Concello de Marín volverá organizar a súa Gala do Deporte, na que se busca "resaltar e valorar o labor deportivo das nosas persoas, organismos, institucións públicas e entidades privadas que dalgunha maneira contribuíron de forma notoria a engrandecer e ampliar a práctica deportiva da nosa localidade", sinalan as súas bases.
O evento celebrarase o día 20 de xaneiro no Salón de Plenos do Concello, pero antes é momento dos nomeamentos.
Por ese motivo o goberno local abriu o prazo de presentación de candidaturas aos premios que se entregarán: mellor deportista masculino e feminina, mellor deportista de base masculino e feminina, premio á inclusividade, premio ao mellor deportista veterano, premio ao mellor adestrador, premio ao mellor club ou entidade deportiva, premio ao patrocinio e colaboración co deporte e premio ao mellor evento do ano.
O prazo para presentar candidatos pechará o próximo 16 de decembro.
Calquera entidade deportiva local, club ou asociación, así como o propio xurado, poden presentar propostas para os premios a través do rexistro municipal ou no correo electrónico que poden ser propostos por deportes.juventud@concellodemarin.com.
O xurado estará conformado pola alcaldesa, María Ramallo, ou o concelleiro en quen ela delegue, un funcionario municipal, xornalistas deportivos dos medios de comunicación locais e xornalistas que foron xurado en convocatorias pasadas.