Vitoria de ouro para o Teucro ante o Carballal (29-30)
Por Redacción
Triunfo de ouro o conseguido pola Sociedad Deportiva Teucro este sábado en Carballal. O cadro da Boa Vila suma dúas vitorias consecutivas, catro no que vai de liga, e respira con certa tranquilidade ao afastarse dos postos de descenso.
Tras uns primeiros minutos nos que se produciu un reparte de golpes por parte de ambas as escuadras, foi o cadro adestrado por Irene Vilaboa o que tomou a dianteira cunha renda de dous goles aos 10 minutos de xogo.
A partir de aí todo foi como unha seda para o Teucro, polo menos durante o primeiro acto. Agarrouse á boa renda que conseguira e mesmo a ampliou para chegar ao descanso cun resultado de 14-17.
Despois do paso polos vestiarios as cousas complicáronse para os azuis, que se viron excedidos por un Carballal que conseguía empatar pero que seguía sendo incapaz de dar a volta ao marcador, por sorte para o Teucro.
Alternábanse os goles en ambas as porterías e os da Boa Vila afianzábanse na efectividade dos lanzamentos de Caue Herrera e Vinicius, que con once e sete goles cada un, levaron ao seu equipo cara a un importantísimo triunfo por 29-30.