Un superior Cangas dobrega o Cisne no derbi galego de Asobal (30-25)
Por Almu Dapena
O derbi galego de Asobal entre o Frigoríficos do Morrazo e o Club Cisne Balonmán tivo claro gañador. O encontro era importante para ambos os equipos e tentar afastarse dos postos de descenso, pero foi o conxunto local o que marcou o ritmo e aproveitou a falta de rotación dos brancos para dobregalos e asinar un resultado de 30-25.
Comezou o partido cun ritmo vibrante e totalmente igualado, con especial protagonismo do gardameta cangués Javi Díaz, que impediu ao Cisne tomar a iniciativa no marcador, pero que nada puido facer para frear os posteriores lanzamentos de Furtado, Álex Chan, ou de Franceschetti, que asinaban un 4-4 aos cinco minutos de xogo.
Pero era o Cangas o que estaba máis firme en ataque, imprimindo unha altísima intensidade que se traducía en lategazos imparables para Kilian Ramírez, mentres os brancos atopábanse cada vez con máis problemas para anotar e para frear os uns contra uns e vían como o seu rival facíase coa maior vantaxe ata o momento (9-4, min. 14), que obrigaba a Javier Márquez a parar o cronómetro.
Ampliaron a renda en ata cinco goles os locais e o cadro pontevedrés tentou tirar de recursos para cambiar a dinámica do partido, sobre todo cando quedaban en superioridade numérica pola exclusión de Alberto Martín. E parecía, de feito, que o Cisne empezaba a carburar, con Carlos Pombo reducindo distancias e Kilian aparecendo en portería e tentando, ademais, anotar desde o seu propio campo aproveitando que o rival baleirara a súa portería. Pero quedou niso, un mero intento, e Cangas respondeu da mesma forma que fixera ata o momento para abrir aínda máis a brecha e chegar ao descanso cun contundente 19-12.
O inicio da segunda metade foi semellante á primeira, Brais González e Álex Chan inauguraban o marcador e daban paso a unha serie de paradas de Roney que se traducían en situacións de ataque falladas polos seus compañeiros, incapaces de meter medo no corpo a un Cangas superior en todas as facetas de xogo (22-13).
Aos sete minutos parou o tempo o técnico do Cisne e produciuse un punto de inflexión. Os locais empezaron a cometer imprecisións e os brancos responderon elaborando bos contragolpes para reducir diferenzas e colocar o 24-18 cando se alcanzou o ecuador do segundo acto.
O ritmo seguía sendo frenético a pesar de que se chegaba á recta final e o Cangas entrou no seu momento crítico. Seguía errando nas súas accións de ataque, pero lonxe de anotar, Furtado precipitábase en exceso e malgastaba dúas chegadas consecutivas en superioridade numérica coas que puido, en caso de enchufarlos, xerar problemas ao rival.
E foi, de feito, a falta de cinco minutos cando o Cisne apertou o marcador e colocouse a cinco goles do empate (29-24) grazas a unha defensa 4-2. Pero a precisión brillaba pola súa ausencia en ambos os lados da cancha como consecuencia do cansazo e dos nervios que se traducía en faltas en ataque ou paradas de Roney e Javi Díaz, este último decisivo na vitoria do seu equipo aparecendo cando o seu rival máis guerra deu para asinar un 30-25 co que concluíu o partido.
Consulta as estatísticas nesta ligazón
Relacionadas:
-
Kilian Ramírez, o heroe dun Cisne que quedou a un palmo do triunfo en Guadalaxara (24-24)
Por Almu Dapena |
-
Alejandro Conde, apercibido polo Comité de Competición por desconsideración aos árbitros
Por Diego Espiño |
-
Entradas de público a 15 euros para a esperada visita do Barcelona ao Pavillón Municipal
Por Redacción |
-
O Cisne planta cara a un Valladolid que o castigou nos minutos finais (35-31)
Por Almu Dapena |
-
A fe do Cisne non basta para compensar a súa fraxilidade defensiva (31-35)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Un enrachado Torrelavega reta o Cisne, que necesita corrixir o seu rumbo
Por Redacción |
-
Un derbi entre Cangas e Cisne entre "as ganas e a necesidade de sumar puntos"
Por Diego Espiño |
-
Acordo entre Cisne e Cangas para unificar o prezo das entradas do derbi
Por Redacción |
-
O gafe do Cisne non ten fin: Iván Calvo deberá pasar polo quirófano
Por Diego Espiño |
-
O Cisne di adeus á Copa do Rei superado polo Ángel Ximénez (24-32)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Noite aciaga do Cisne ante o Bidasoa no seu regreso ao Municipal (19-28)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Un mes de novembro sen descanso para o Cisne
Por Diego Espiño |