Técnicas de procura e rescate de persoas perdidas no CGTD
Por Cristina Saiz & Almu Dapena
Un deportista pérdese na montaña e hai que atopalo no menor tempo posible. Niso ía consistir a actividade deste sábado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, organizada pola Escola Galega de Alta Montaña da Federación Galega de Montañismo cun equipo de rescate da Garda Civil coordinados polo GREIM.
Nun principio, tiñan exposto un protocolo de actuación con servizo da Garda Civil e cans, pero tal e como explicou a directora da Escola, Katya Sanz, "non puideron vir cans porque están a actuar nun caso real na Rúa, onde desapareceu un señor e están a axudar a buscalo".
Si que veu un dos membros do GREIM, que impartiu unha sesión máis técnica pero sempre tendo en conta o punto de vista real, algo moi importante para este tipo de casos xa que poden salvar vidas.
Nesta e outras outras actividades organizadas pola EGAM, os técnicos especializados encárganse de impartir formación, "ás veces a deportistas e outras a entidades que o soliciten. Todos os anos hai actividades de formación", xa que o obxectivo da Escola e da Federación é sempre "colaborar".
De feito, Katya Sanz destacou que "poderiamos participar neste tipo de procuras reais, nun momento dado poderiamos servir para axudar nun rescate real" xa que teñen o coñecemento sobre o terreo e "poderiamos ser útiles".
Pero ademais dos protocolos de actuación e o coñecemento, grazas ás novas tecnoloxías e ao uso dos móbiles, ábrese a posibilidade do uso de aplicacións á hora de realizar as procuras, e o GREIM aproveitará para realizar unha serie de actividades de formación aos integrantes da Escola Galega onde lles explicarán o uso dunha aplicación para que, "en caso de situación real, a procura sexa máis eficaz".
Finalmente, a directora da ECAM destacou a idoneidade do CGTD e da Illa das Esculturas para desenvolver unha práctica como a que tiñan previsto para esta fin de semana, xa que conta coas características, tanto ao aire libre como pechadas, para que a actividade desenvólvase nas mellores condicións. Ademais, a localización no mapa de Pontevedra, "facilita a asistencia do persoal técnico" ao tratarse dunha zona "bastante céntrica a nivel Galicia".
A Escola Galega de Alta Montaña é unha entidade educativa, declarada de utilidade pública como a propia Federación Galega de Montañismo, con máis de 70 anos de historia. Ten como misión ensinar aos escaladores, montañistas, senderistas, esquiadores de montaña, alpinistas, barranquistas, marchadores nórdicos... as técnicas de seguridade e progresión necesarias para ser deportistas seguros e eficaces para asumir os retos deportivos.