Yui Susaki, un ciclón deportivo que inscribiu a Pontevedra nos libros de historia da loita mundial
Por Diego Espiño
Pontevedra quedará para sempre nos libros de historia da loita olímpica grazas a Yui Susaki, que este xoves gañou a medalla de ouro no Mundial Sub-23 no seu peso, os 50 quilos.
Podería ser un título máis, pero non o é para unha das loitadoras máis completas da historia, e iso a pesar da súa mocidade, porque a xaponesa converteuse na Boa Vila na primeira do seu deporte que consegue o 'Grand Slam', ou o que é o mesmo, gañar todos os títulos mundiais en categorías de idade, o absoluto e tamén o ouro olímpico.
"Quería deixar o meu nome na historia da loita libre", sinalou Susaki á Federación Internacional de Loita (United World Wrestling) tras arrasar en Pontevedra. Non é algo novo, xa que acumula tres anos sen que ningunha opoñente consiga sumar puntos na súa contra nun combate oficial. Case nada. Por medio proclamouse campioa olímpica en Tokyo e sumou en Belgrado o seu terceiro título mundial absoluto, esta mesma tempada, e que se une aos conseguidos en 2017 e 2018. Todo cando conta só con 23 anos recentemente cumpridos.
Un dato reflicte a súa superioridade esmagadora no Mundial Sub-23 de Pontevedra, e é que a estrela nipoa só permaneceu sobre o tapiz 4 minutos e 47 segundos sumando todos os seus combates. Na final de feito venceu á súa opoñente, a india Ankush Panghal en 1 minutos e 52 segundos.
"Estou tan feliz de poder logralo. Quería gañar o título sub-23 e converterme na primeira en lograr o Grand Slam", recoñece Susaki consciente de que era a súa última oportunidade de conseguilo. "Houbo dúas das miñas predecesoras que gañaron catro títulos" explicou encomiando a dous deportistas do seu país que quedaron a só un paso de conseguilo, Haruna Okuno e Masako Furiuchi, "pero ninguén no mundo da loita libre agregara o quinto título dos Xogos Olímpicos. Quería facer historia", revelou.
Unha loitadora sen ningún tipo de piedade sobre o tapiz pero que desulmbra fóra del tamén pola súa amabilidade e o seu sorriso. A estrela absoluta e sen discusión dos mundiais de loita de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Ao redor de "2.000 deportistas de 70 países" competirán en Pontevedra no Mundial Sub-20 de Loitas Olímpicas
Por Diego Espiño |
-
Recepción municipal á Selección Feminina de Loita U15, concentrada en Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra clausura os mundiais de loitas despois de quince intensos días
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Nerea Pampín queda sen opcións de bronce ao ceder na repesca do Mundial Sub-23
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Nerea Pampín, á repesca no Mundial Sub-23 de Loita
Por Diego Espiño |
-
A loita feminina entra en escena no Campionato do Mundo Sub-23
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Voluntarios, servizos, infraestruturas... o que non se ve dos mundiais de loita de Pontevedra
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra inaugura o Mundial Sub23 de Loita mirando cara ao futuro: "Agardamos acoller algún Europeo absoluto"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
España pecha o Mundial de grappling e grappling-gi con 44 medallas
Por Redacción |
-
Yui Susaki, unha campioa olímpica e mundial que busca en Pontevedra o 'Grand Slam' da loita
Por Diego Espiño |