O kaiak polo aterra en Verducido co Campionato de España por Autonomías
Por Redacción
O Complexo Deportivo David Cal, no encoro de Pontillón do Castro, converterase durante as xornadas de sábado e domingo en escenario do XII Campionato de España de Kaiak Polo por Federacións Autonómicas.
A competición desenvolverase nas categorías Absoluta, Sub21 e Sub16.
Os encontros darán comezo o sábado ás 8.30 horas e celebraranse durante todo o día (os últimos, ás 18.30 horas), cunha primeira fase nas que participarán en categoría Sénior, ademais da selección galega, Valencia, Madrid, Andalucía e Cataluña; na Sub 21, os de Galicia, Cataluña, Castela A Mancha, Madrid, Valencia e Andalucía; e na Sub 16, os de Galicia, Cataluña, Valencia, Madrid e Andalucía.
En canto ao domingo, será a quenda das semifinais e as finais a partir das 10.00 horas da mañá.
"O kaiak polo é un deporte entretido, trepidante e espectacular", asegura sobre o campionato o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, destacando que "unha vez máis estamos ante un evento que, por máis que un non saiba absolutamente nada desta disciplina, engancha desde o primeiro momento e é un magnífico plan para gozar esta fin de semana".