Estela Lamas derruba barreiras e prexuízos a golpe de palada
Por Manu Otero
"Que ninguén che diga que non podes facer". É a bandeira dunha nova piragüista pontevedresa que acaba de marcar un antes e un despois na historia da inclusión no deporte. A alevín Estela Lamas perdeu a visión con só dous anos e a pasada fin de semana converteuse na primeira deportista invidente en participar nun campionato autonómico de piragüismo en igualdade de condicións.
O seu caso é único en todo o territorio nacional e só a constancia da pequena de 12 anos, da súa familia e a dedicación da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra e do seu adestrador Jose María Pazos permitiron derrubar unha barreira que, a recado, permitirá a moitos outros menores seguir o ronsel de Lamas.
"Estaba moi nerviosa porque era a primeira vez que ía competir", recoñece a nova padeeira que, a bordo do seu K2 e coa compañía da súa amiga Flavia López, logrou cruzar a meta nunha décimo sexta posición con máis sabor a vitoria que unha medalla olímpica. Os aplausos, berros de ánimo e celebración do público presente na localidade lucense de Quiroga confírmano.
Un simbólico triunfo que colma unha década de superación de prexuízos e barreiras que marcaron a infancia de Estela e a súa familia. "Estela está a demostrar que pode facer unha vida normal e podería facer moitas máis cousas, pero é a sociedade quen a incapacita", denuncia Trini, a súa nai, moi molesta polas trabas no ámbito escolar e social que a súa filla está obrigada a soportar.
Con só dous anos diagnosticáronlle unha mutación xenética que derivou nunha perda total da visión. Foi como unha volta para empezar, Estela tivo que volver aprender a camiñar, a correr e aínda agora arrastra algún problema psicomotriz que coa axuda do piragüismo e de Pazos están a resolver a pasos axigantados.
Pero esta discapacidade en absoluto impide á pequena practicar deporte. "Encántalle a auga", recoñece a súa nai. A idades moi temperás comezou a nadar, logo probou o remo e en decembro do 2021 picoulle o verme do piragüismo. Foi un familiar o que lles recomendou a escola pontevedresa e o flechazo foi inmediato.
"É moi divertido e quero seguir practicando e mellorando", afirma Estela con timidez. Esa paixón estalla transmitindo tamén á súa familia, que é feliz véndoa gozar sobre a piragua. "O ambiente é sanísimo", destaca Trini agreciendo a implicación e labor do adestrador.
"Ela é unha máis", di Pazos con total normalidade. Adestra co grupo, ri cos seus compañeiros e ao finalizar as sesións de traballo báñanse todos xuntos no río. Nin trato de favor, nin coidados especiais. Unha inclusión plena que namorou tanto a Estela como á súa familia.
De feito, as aptitudes da menor sorprenderon ao seu adestrador. "Nunca fixera piragüismo e pensaba que ía caer, pero demostrou ter equilibrio, forza e moita forza de vontade", destaca o técnico, que ao finalizar os adestramentos traballa con ela algúns exercicios de psicomotricidade que facilitan a súa adaptación.
Con todo, a boa acollida que tivo Estela Lamas no seu club contrasta coa falta de regulación que existe neste deporte a nivel nacional. A Real Federación Española de Piragüismo non conta con categorías adaptadas a deportistas invidentes e no dossier que recolle as normas e requisitos do paracanoe só se fai alusión a discapacidades de mobilidade.
"Existe unha categoría pero é máis como un caixón desastre, nós preferimos que compita cos seus compañeiros nun K2 ou un K4", insiste Pazos.
Pero remar en equipo esixe un alto grao de coordinación no que a vista xoga un papel fundamental para seguir o ritmo. Para paliar este contratempo, Estela conta cunha ferramenta coñecida como contapaladas. Funciona como un metrónomo en música que emite un son para marcar o número de paladas por minuto. No campionato autonómico de Quiroga, a organización autorizou o seu uso e unha lancha acompañou o K2 de Estela e Flavia ao longo da carreira.
Derrubada a barreira do deporte, Estela e a súa familia seguen loitando por derrubalas noutros ámbitos da vida. "As relacións sociais son o que máis costa", recoñece Trini. O sistema educativo tampouco ofrece moitas facilidades, acábanlle de retirar unha coidadora e no colexio só conta coa axuda dunha profesora de apoio á que visita de forma irregular.
Unha situación que se agravou excesivamente durante a pandemia da covid-19. "Levámolo moi mal", recoñece a nai aínda angustiada. As duras restricións, as noticias ou os comentarios que calquera peón podía oir pola rúa achega do virus provocaron pavor na menor, que se imaxinaba ao covid-19 como un monstro que axexaba nas rúas.
A pandemia quedou atrás, a falta de oportunidades para practicar deporte tamén e agora Estela Lamas é un exemplo para todos os menores que se atopan nunha situación similar. "Hai moitos nenos e nenas como ela motivadas para facer deporte ou outras actividades, o problema é que ás veces non sabemos onde acudir e que a contorna nos limita moito", denuncia Trini.
Porque a historia de Estela Lamas é unha historia de inclusión, non de superación persoal. "É a sociedade a que ten que superar as limitacións que ven nos demais", remata a nai de Estela Lamas Lois.