Pablo Bocelo e Solange Pereira triunfan na volta da milla urbana de San Miguel
A Milla Urbana San Miguel regresou este sábado ao calendario coa súa edición número 23 despois de dous anos sen celebrarse.
Pablo Bocelo, da Sociedad Gimnástica, e Solange Andreia Pereira, do Valencia Atletismo, impuxéronse nunha xornada na que participaron medio milleiro de deportistas de todas as categorías desde os dez anos.
O atleta da Gimnástica dominou a proba masculina na que fixo un tempo de 4:27, impoñéndose no sprint final a Jorge Puig, do Club Atletismo Santiago, que foi segundo, e Gustavo Santiago, que completou o podio coa súa terceira praza.
Solange Andreia Pereira, do Valencia, foi a vencedora da categoría feminina tras parar o crono en 5:17. Seguiuna en segunda posición Eva Piñel, do Atletismo Celta, e Ángela González, do AD Marathón de Madrid, foi a terceira en cruzar a liña de meta.
Como en anos anteriores a proba, organizada polo Club Atletismo San Miguel, transcorreu nun circuíto habilitado na Avenida de Ourense, desde onde empezaron a competir os deportistas de categorías basee.
Tras eles disputouse a carreira de 5.000 metros e a milla popular federada, antesala das carreiras elite masculina e feminina.
Os resultados da XXIII Milla Urbana de San Miguel pódense consultar nesta ligazón.
A Milla Urbana San Miguel regresa ás rúas de Marín
Na popular proba deportiva organizada polo Club Atletismo San Miguel tomaron parte máis de medio milleiro de deportistas de todas as categorías, desde os dez anos en diante
© Cristina Saiz