Xoias sobre rodas en Pontevedra
Por Manu Otero
A Praza de España de Pontevedra recibiu este venres unha visita do máis rechamante. A de 25 automóbiles deportivos clásicos que están a participar na décima edición do Rally Terras do Incio. Modelos exclusivos de Ferrari, Xaguar, Mercedes, Aston Martin ou Bentley permaneceron estadionados todo o día na céntrica praza pontevedresa para deleite e sorpresa dos transehúntes.
Leva o nome de rally, pero de competición nada de nada. "É un rally turístico, de paseo", puntualiza Andrés Castro, o promotor desta iniciativa que botou a andar hai unha década nunha aldea da localidade lucense do Incio. "Xurdiu como unha reunión de amigos, eu son natural de alí dunha aldea e varios amigos que viñan visitarme encantoulles e pensamos facer un roteiro. Ao ano seguinte chamamos a máis amigos e empezamos a facer este percorrido", relata o ideólogo desta aventura xunto con Pilar Debelius.
Ademais de descubrir todos os recunchos de Galicia, o obxectivo desta parella que creou unha asociación sen ánimo de lucro é "promocionar o turismo". As primeiras edicións limitáronse á provincia de Lugo, pero aos poucos fóronse estendendo a localidades e provincias limítrofes. Este ano é a primeira vez que recalan en Pontevedra, pero xa están a pensar en regresar o ano que vén. "Pasamos por zonas moi rurais, ensinamos zonas que non colle o turismo habitual. Hai tres días estivemos no mosteiro de Samos facendo un tramo Camiño de Santiago. Esta é a primeira vez que vimos a Pontevedra, coñecemos o centro histórico e cando preparemos o rally do ano que vén tentaremos incluír as zonas máis descoñecidas da provincia", propón Castro.
A comitiva poñerá o broche de ouro ao rally esta fin de semana no Grove. Alóxanse nun hotel da illa da Toxa e para culminar o seu periplo esta fin de semana gozarán dunha viaxe en barco pola costa meca.
Aínda que algúns propietarios son galegos, a maioría proceden de fóra da comunidade. "Vén xente de Málaga, Eivissa, Barcelona, Alacante ou Zaragoza", comenta Andrés, antes de detallar os modelos de coches que estacionaron diante do Concello de Pontevedra.
"Temos un Ferrari moi exclusivo, que só se fabricaron dez, un Testarrosa 512 tr; veu tamén un Ferrari amarelo precioso, pero estragóuselle ao dono e trouxo agora un 599 moderno. O máis antigo é un Bentley do 1951, tamén temos un Corvette de 650 cabalos de potencia, un Aston Martin DB6, o modelo seguinte ao que saía en James Bond; e logo temos tamén Mercedes, Pagoda, Porsche, Jaguar...", relataba Castro, mentres os peóns sacaban os seus móbiles do peto para fotografar estas xoias con rodas.
Trátanse de pezas exclusivas de valor incalculable. Non polo prezo, senón polo agarimo que lle teñen os seus propietarios. "Cada un ponlle o valor que quere. Normalmente son de propietarios que os compraron fai moito e fóronos arranxando aos poucos. Non teñen un valor, valen o que se pague por eles", resume Andrés Castro, que o próximo ano volverá a Pontevedra con novas xoias do automobilismo deportivo.
Relacionadas:
-
Coches históricos volverán resplandecer este domingo en Pontevedra
Por Redacción |
-
Os coches clásicos causan sensación domingueira
Por Redacción |
-
Volve a Pontevedra a concentración de vehículos clásicos e antigos
Por Redacción |
-
Medio centenar de modelos participaron na Concentración de Vehículos Clásicos de Ponte Caldelas
Por Redacción |