O Salnés, capital do balonmán cadete e infantil entre os días 6 e 8 de decembro
Por Redacción
Cambados, Ribadumia, Meaño e Sanxenxo acollerán, entre os días 6 e 8 de decembro, o II Torneo Internacional Deputación de Pontevedra "O Salnés" de balonmán nas categorías cadete e infantil masculina e feminina. En total participarán 18 seleccións nas catro categorías e viaxarán a Galicia máis de 500 persoas entre os deportistas, técnicos, delegados e acompañantes. Esta competición servirá como preparación para o Campionato de España.
Así se anunciou este luns nunha rolda de prensa celebrada na Sala de Prensa da Deputación, na que participaron, entre outros, o presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luís Pérez Ouro; a deputada Begoña Estévez; o alcalde de Cambados, Luís Aragunde, ou a alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha. Non puideron acudir os representantes dos concellos de Ribadumia e Sanxenxo, que tamén participan nesta iniciativa.
Pérez Ouro agradeceu a colaboración de todas as administración para poder levar adiante este torneo, que xa vai pola segunda edición, e destacou a importancia de unir deporte e turismo. "Tamén temos que agradecer la colaboración dos hostaleiros que nos ofreceron prezos razoables e que a vez permite que os hoteis teñan nunha época menos turística a máis de 500 persoas durante catro días".
Pola súa banda, a deputada Begoña Estévez salientou o auxe que o balonmán está tendo nos últimos tempos e de forma especial na comarca de O Salnés, onde se crearon dúas novas escolas desta modalidade deportiva, unha en Cambados e outra en Sanxenxo, que se suman ás que xa existían en Meaño e O Grove. Con estas son 148 as escolas deportivas de balonmán, nas que se forman máis de 2.600 nenos e nenas.
As principais novidades desta edición do torneo son que se celebra en dúas categorías e o seu carácter internacional. Na categoría infantil (deportistas nacidos nos anos 2000 e 2001), tanto masculina coma feminina, participarán as seleccións de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León. En cadete, ademais das catro seleccións xa nomeadas, haberá participación internacional. Na categoría masculina competirá a selección sub16 portuguesa, mentres que na feminina viaxará a Galicia unha selección da rexión holandesa de Brabant.