Lydia Pérez pon rumbo a Belgrado co obxectivo de conseguir unha medalla no mundial de loita
Por Manu Otero
A rolda de recepcións a deportistas no Concello de Pontevedra non cesa. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, abren o mes de setembro coa visita da loitadora pontevedresa Lydia Pérez, que viaxará nuns días a Belgrado para disputar, a partir do 10 de setembro, o mundial de loitas olímpicas.
"O obxectivo é tentar conseguir unha medalla e ver o nivel", explica ambiciosa Pérez Touriño, que ten entre cella e cella lograr o billete para os Xogos Olímpicos de París. Con todo, é consciente da dificultade dunha competición na que se darán cita as mellores loitadoras do mundo. "Máis duro será o mundial do próximo ano, porque é no que se van a repartir as prazas para os Xogos", explica a pontevedresa que, na edición deste ano, prestará especial atención ás loitadoras dos países con maior nivel para, o próximo curso, realizar concentracións de adestramento nalgún deses lugares.
No encontro estivo tamén o adestrador do CGTD e da Federación Galega de Loita, Marcos Miragaya, que se desfixo en eloxios cara á súa pupila. "Progresa cada ano e está cada vez máis preto de alcanzar os seus obxectivos", destacou o técnico.
Pola súa banda, o rexedor pontevedrés destacou os excelentes resultados conseguidos por Lydia ao longo da tempada, con especial mención ao bronce logrado nos Xogos do Mediterráneo e o título nacional. A loitadora, pola súa banda, agradeceu o apoio do Concello e mostrou o seu orgullo de levar o nome de Pontevedra polo mundo e expresou o seu desexo de "levalo a uns Xogos Olímpicos".
Relacionadas:
-
As loitadoras Lydia Pérez e Nerea Pampín, convocadas por España para disputar dous torneos en Francia
Por Redacción |
-
Lydia Pérez di adeus ao Mundial na rolda clasificatoria tras un duro sorteo
Por Diego Espiño |
-
Lydia Pérez viaxa a Suecia para preparar o Campeonato do Mundo de loita
Por Redacción |
-
Lydia Pérez abónase ao bronce cun terceiro posto no Gran Premio de España
Por Redacción |