Sofre pero gaña o Arosa (1-0) ao Bertamiráns nun choque trabado e con poucas ocasións
Por Redacción
Era como unha especie de revancha. O reencontro entre dous equipos que disputaron a finais da pasada tempada unha vibrante promoción de ascenso, con vitoria arosista tras unha eliminatoria intensa e respesca posterior do cadro santiagués, permitiu revivir aquelas tardes do mes de xuño pasado, e con parecidos ingredientes.
De novo o Bertamiráns mostrouse como un equipo difícil de bater. Ordenado en defensa. Sen concesións ao rival. Non deixando espazos polos que facer circular o balón, pero tamén como consecuencia diso, coas mesmas dificultades para xerar perigo ante a meta rival.
E como naquel primeiro partido na Lomba, adiantouse pronto o Arosa. Foi aos 18 minutos, tras unha falta lanzada polo debutante Pablo Pillado, na súa volta á casa, que rematou de cabeza Alfonso.
Pero nesta ocasión non houbo reacción santiaguesa. O gol arosista deu paso a un partido trabado no que o pouco perigo chegaba en accións a balón parado.
Os de Piscis puideron sentenciar cun penalti no minuto 55, pero Dani adiviñou a intención de Nando e conseguiu deter o lanzamento. Logo viría un novo contratempo para os arosistas, aos que persegue unha verdadeira praga de lesións. Esta vez foi José Ángel quen tivo que abandonar o campo no minuto 80, sendo trasladado en ambulancia ao Hospital do Salnés, cunha unha forte luxación nun ombro.
Esta interrupción, xunto cun golpe recibido por Quique Cubas levou o árbitro a descontar nada menos que 10 minutos, nos que o equipo local soubo sufrir para sumar tres novos e importantes puntos.
AROSA S.C. (1): Jorge Pérez; Santi (Juanjo, min. 46), José Ángel (Rubén, min. 80), Martín, Alfonso, Munín, Pablo Pillado, Jonathan, Nando, Eloy e Ramón (Quique Cubas, min.75).
BERTAMIRÁNS F.C. (0): Dani; Jacobo, Gemelo, Otero, Gustavo, Emilio (Héctor, min. 56), Saro, Chema (Iván, min. 82), Astray, Álex Pérez e Jesús (Juancar, min. 68).
Árbitro: José Manuel Cives Enjo (A Coruña), auxiliado nas bandas por Luis Taboada Dafonte e Daniel Rama Rama. Amoestou a Jonathan, Pillado, Alfonso, Quique Cubas e Martín, polo Arosa, e a Chema e Gemelo, polo Bertamiráns.
Goles: (1-0) Minuto 18: Alfonso.
Incidencias: Campo municipal da Lomba (Vilagarcía). Uns 800 espectadores.