Teresa Portela e Adrián Sieiro reman cara a París cargados de medallas
Por Manu Otero
A rolda de recepcións a deportistas pontevedreses no Concello continúa. Se o martes o alcalde e concelleiro de Deportes recibían aos taekwondistas Sara Cortegoso, Mauro Fentanes e Álex Pérez, este xoves foi a quenda dos piragüistas Teresa Portela e Adrián Sieiro polos éxitos colleitados nos pasados campionatos do mundo e de Europa.
A bordo do seu K2 e acompañada por Sara Ouzande, Teresa Portela fíxose coa medalla de prata a principios de agosto no mundial de Canada na distancia de K2-200. E o premio puido ser dobre, pero no K4 quedou a só unhas centésimas do podio. Mellores resultados aínda acadou Adrían Sieiro, que despediu a tempada cunha dobre medalla de ouro. Unha no C4-500 do mundial de Canada e outra no C2-500 no europeo de Munich.
Non puido asistir a esta recepción Antía Jácome, campioa tamén na pasada cita continental, que se atopa en Estados Unidos para participar esta fin de semana na Super Copa de Piragüismo Sprint que se celebra en Oklahoma.
Tanto Miguel Anxo Fernández Lores como Tino Fernández mostraron o seu orgullo polo nivel de ambos os piragüistas e do nivel dos deportistas que adestran a diario en Pontevedra. Despois de felicitalos polos últimos logros, desexáronlle a mellor das sortes na carreira por clasificarse aos próximos Xogos Olímpicos, que serían os sétimos para Portela e os primeiros para Sieiro.
A seis veces olímpica Teresa Portela mostrouse moi agradecida pola recepción e ilusionada coa posibilidade de seguir batendo récords. Xa é a muller que máis veces participou nuns Xogos Olímpicos, pero o próximo verán no mundial buscará o pase a unha sétima cita olímpica na modalidade de K4-500. "Xamais pensei estar con 40 anos loitando por uns Xogos Olímpicos, pero tampouco o pensaba con 20. Afronto cada tempada coa mesma filosofía e marcándome obxectivos a curto prazo", explicou a padeeira de Cangas, que leva desde os 14 anos adestrando a diario en Pontevedra.
Pola súa banda, Adrián Sieiro, recoñeceu que este 2022 foi "un ano fantástico". Despois de quedar fóra de Tokio por un problema de saúde do seu compañeiro que lle impediu render ao mellor nivel nos selectivos, Sieiro ten agora ao seu alcance facer realidade o seu soño olímpico. Xunto co seu compañeiro, o balear Joan Antoni Moreno, seguen derrubando barreiras e, aínda que a súa especialidade é a curta distancia, ambos senten moi competitivos para aspirar a todo no C2-500.