Punto e final á III edición do Campus de Triatlon CD Pinarium
Por Redacción
O III Campus de Tríatlon CD Pinarium chegou ao seu fin este venres coa participación de máis de 30 nenos e nenas de entre 6 e 14 anos nunha especie de simulacro de competición na praia de Portocelo, en Marín.
Os participantes puxeron en práctica o aprendido sobre natación, ciclismo e atletismo durante os días previos e gozaron dunha última xornada de diversión e deporte. Ademais, o club fíxolles entrega dos diplomas, dun agasallo para o comezo de curso e unha pequena merenda.
O presidente do Pinarium, Diego González, destacou que o campus "naceu nun momento (verán do 2020) no que, debido á pandemia, a oferta que había naquel entón para que os pais puidesen conciliar e os nenos realizar actividade era nula ou case nula tras a suspensión dos campamentos de verán".
Pero agora, despois de tres anos, poden confirmar que aquela necesidade feita iniciativa converteuse nun campus consolidado en Marín e un dos poucos de tríatlon, o que supón unha nova actividade dentro do catálogo deportivo e de formación e integración de mozos.
En canto a esta edición, o Pinarium dispuxo por primeira vez das instalacións da Escola Naval Militar, onde os participantes puideron arrincar e finalizar cada xornada, gardar o material (bicis, cascos ou ferramentas) e tamén desenvolver a carreira a pé, técnica de carreira e bicicleta, así como diversos exercicios.
É por iso que Diego González, en representación do club, agradece "á Escola Naval Militar a dispoñibilidade das súas instalacións, o cal facilitou en gran medida o traballo de todo o noso corpo técnico, así como garantiu a seguridade dos nenos e nenas asistentes ao Campus dentro de ditas instalacións, ao Concello de Marín, e a D'Cores copistería papelería, Tropa de K e Miler Vintage Running Club" como empresas patrocinadoras.
Como colofón ao campus, Víctor Loira, Juan Carlos Higuero e Victor Riobó deron unha charla aos participantes e fotografáronse con eles.