Presentada a 59 edición da Regata Rías Baixas de Poio
Por Redacción
O Salón de Plenos do Concello de Poio acolleu este venres a presentación da 59 edición Regata Rías Baixas.
No acto estiveron o alcalde de Poio, Luciano Sobral, e o presidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela, a concelleira de Deportes, Marga Caldas; o presidente da comisión xestora da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, e a Mariña Manager de Combarromar, Marina Santoro.
Durante a súa intervención, o rexedor destacou que "o impulso do deporte é esencial para a promoción do noso Concello e acoller un ano máis a Regata Rías Baixas reafirma o noso compromiso por seguir apostando polos deportes náuticos e pon en valor o noso porto deportivo que permite este tipo de celebracións".
Portela, pola súa banda, agradeceu a "fundamental" colaboración para este evento, que é "un dos máis importantes para o Náutico de Vigo e para a vela galega", e subliñou tamén a implicación da RFGV e de Mariña Combarro na organización da competición.
Para o evento o Real Club Náutico de Vigo espera que ao redor de oitenta barcos se concentren durante as datas de celebración, que serán do 10 ao 14 de agosto, días que durará a proba. Xa están inscritos barcos de España e Portugal.
Destacan desde o Concello que Poio será a primeira localidade na que recale a frota participante tras a súa saída de Vigo e acollerá, por tanto, a entrega de premios da primeira etapa. Ao día seguinte, xoves 11 de agosto, as embarcacións poñerán rumbo á Pobra para proseguir coa competición.