Preto de 180 persoas participarán nos paseos en piragua polo río Verdugo
Por Redacción
Fomentar a práctica do piragüismo segue á orde do día co 'Verán Cultural' organizado polo Concello da Lama, que este ano suma preto de 180 persoas para participar no paseo gratuíto en piragua polo río Verdugo.
Será este luns 1 de agosto a partir das 17:00 horas, e estará organizado en seis quendas para comodidade e seguridade das persoas participantes.
Deste xeito, tras dous anos de parón pola pandemia, regresan ao municipio estes exitosos paseos desde a contorna da praia fluvial da Lama e pola ponte vella do río Verdugo.
Esta xornada de iniciación está organizada polo Club de Piragüismo Vilaboa, que facilitará monitores experimentados e embarcacións para atender os paseos entre as 17:00 e as 20:00 horas.
Os representantes do club serán os encargados de supervisar aos participantes, que terán que levar chaleco salvavidas e coñecerán as nocións básicas sobre a embarcación e as posibilidades de practicar este deporte de forma ocasional ou competitiva.
Por último, desde o Concello da Lama lembran que a praia fluvial do Verdugo está adherida á Rede Galega de Praias sen Fume, ten unha cualificación de augas "excelentes" e conta con zona arborizada, espazos de sol e de sombra, mesas e todo tipo de servizos.