Voley praia, futvoley e tenis praia regresan a Lourido co tradicional Verán Deportivo de Poio
Por Redacción
A concelleira de Deportes do Concello de Poio, Marga Caldas, presentou este mércores as probas que acollerá, nas dúas vindeiras fins de semana, a praia de Lourido dentro do circuíto provincial do Verán Deportivo.
Trátase dunha iniciativa que xa é un clásico da tempada estival poiense, toda vez que se leva celebrando desde hai unha década e que este ano novamente conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, ademais doutras institucións organizadoras.
A nacionalista estivo acompañada por Gillermo Janeiro (representante de Verán Deportivo) así como representantes da Asociación VCD de Lourido. A edil do goberno local amosou a súa satisfacción pola importancia de dinamizar a través do deporte federado e popular as praias da vila.
As citas terán lugar o 6 e 7 de agosto e o 13, 14 e 15 do mesmo mes. Durante a primeira fin de semana o protagonismo será para o volei praia. O peche do calendario, a mediados de agosto, correrá a cargo das competicións de tenis praia, futvolei e beach sports kids tour voley.
Ademais, Marga Caldas lembrou que esta programación tamén inclúe outras iniciativas a maiores, como sesións formativas en este tipo de disciplinas para as crianzas, que tamén terán lugar en Lourido antes do desenvolvemento dos partidos.
“Mantemos a nosa aposta polo deporte durante todo o ano”, incidiu a concelleira nacionalista. Para poder participar nas probas amateur requirirase inscrición previa, a través da páxina web da organización. As infraestruturas deportivas ficarán instaladas xa desde os vindeiros días e ata o 15 de agosto.