O Campionato de España Sprint Xóvenes Promesas reunirá a máis de 1.000 piragüistas no Pontillón do Castro
Por Redacción
Pontevedra acollerá esta fin de semana o LIII Campionato de España Sprint Xóvenes Promesas cadete e infantil. Trátase dunha cita que chega logo dunha "longa e proveitosa tempada de piragüismo", seguindo as palabras do edil de Deportes, Tino Fernández. "Vai ser o momento culminante desta xeira de actividades que vimos realizando no encoro do Pontillón".
A cita deportiva desevolverase entre o 29 e o 31 de xullo, e contará coas seguintes modalidades para homes e mulleres: K-1, C-1, K-2, C-2, K-4, C-4 e Paracanoe.
"Coido que é unha das máis importantes que teremos este ano en Verducido por mor da enorme cantidade de padexeiros e padexeiras que imos ter esta fin de semana", explicou na súa comparecencia o tenente de alcalde. "Estamos en cifras de récord, por riba dos 1.000 inscritos e inscritas, o que é algo histórico, desde logo neste tipo de competicións e, ademais, unha honra que se conte con Pontevedra para celebrar estes eventos a todos os niveis posíbeis; e, por suposto, unha responsabilidade pola nosa banda".
Fernández tamén quixo lembrar que "Pontevedra non descansará durante o verán en materia deportiva" co obxectivo de recuperar ese tempo perdido provocado pola crise sanitaria e a pandemia ao longo dos dous últimos anos. Nese sentido, o edil indicou que o Concello de Pontevedra seguirá a traballar nese camiño e agradece "á Federación Galega a súa confianza á hora de promover estes eventos na Boa Vila", unha cidade onde o piragüismo é "un deporte estratéxico".
O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, agradeceu á colaboración do Concello e do resto das administracións por promover o deporte e seguir facendo posíbel este tipo de citas. "O piragüismo está a vivir un bo momento, non temos máis xente facendo piragüismo porque non caben nas instalacións que temos e así podemos explicar como hoxe superamos esa marca de participantes e, ademais, tamén é a primeira vez que Galicia aporta 400 deses padeeiros e padeeiras".
Bea lembrou que Galicia conta cunha canteira "imparábel" e mesmo nesta fin de semana paga a pena sinalar que amais de en Verducido, os ollos tamén estarán postos en Dinamarca, dada a gran representación galega coa que se conta no Campionato de Europa celebrado neste país, na cidade de Silkeborg. "Debemos seguir traballando e gozar co noso deporte e cos novos nomes que comezan a súa carreira, que xogan, que compiten e que algún día competirán entre os mellores".
Relacionadas:
-
Verducido coroa ás Xóvenes Promesas do panorama nacional
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O piragüismo galego viaxa a Dinamarca para revalidar a súa hexemonía na longa distancia
Por Redacción |
-
O piragüismo pontevedrés dá a talla no Campionato de España Sprint
Por Redacción |
-
Pablo Crespo gaña un posto para o Mundial de Piragüismo de Canadá
Por Diego Espiño |