O CW Pontevedra redobra a súa aposta polo equipo feminino con máis orzamento, fichaxes e cambio de adestrador
Por Manu Otero
O Club Waterpolo Pontevedra reestrutura o seu corpo técnico para afrontar da mellor maneira posible o debut do primeiro equipo feminino en Primeira Nacional. Javi de Sáa, responsable de todos os equipos masculino e feminino de categoría absoluta a cadete, dá un paso atrás para encargarse da escola deportiva e as categorías benjamín e alevín. O seu posto ocuparano Kike García, novo responsable da sección feminina; e Iago Carabelos, que dá o salto definitivo da piscina ao banco para encargarse dos conxuntos masculinos do club.
O principal reto da próxima tempada será conseguir o obxectivo da permanencia en Primeira Nacional feminina. É a primeira vez que un equipo galego compite nestes niveis e desde o club confían en "ser competitivos e que sirva como punto de inflexión para seguir crecendo". De feito esperan este ano poder contar cun equipo feminino de categoría alevín, confirma o presidente Jose Tellería.
O ascenso a categoría nacional obrigará ao CW Pontevedra a destinar máis recursos a unha estrutura que non deixa de crecer. O desprazamento máis próximo que terán que afrontar o próximo curso será a Madrid, pero cada quince días terán que moverse a País Vasco, Navarra, Cataluña, Comunidade Valenciana ou Baleares "con todo o gasto económico e logísitco que supón", remarca Tellería. É por iso que desde a directiva traballan en conseguir máis apoio económico por parte das institucións e tamén na procura de patrocinadores privados que acheguen o seu granito de area para o desenvolvemento da entidade.
Aínda que o groso do equipo estará formado polas xogadoras que conseguiron o ascenso o pasado curso, desde a dirección deportiva avanzan que, para poder pelexar pola permanencia, serán necesarias tres ou catro incorporacións. Xa contactaron con xogadoras doutros equipos de Galicia, pero non descartan a chegada de xogadoras estranxeiras con proxección que lles poida atraer o proxecto deportivo que está a armar o CW Pontevedra. "Un soldo mensual non podemos ofrecerllo, pero si cubrir os gastos de aloxamento e buscarlle algún traballo para que teñan ingresos", explica o dirixente, aínda que puntualiza García que "o máis atractivo é o proxecto deportivo que lle estamos ofrecendo".
Do mesmo xeito, para facer un equipo máis competitivo haberá tamén cambios na metodoloxía e na planificación dos adestramentos.
O ascenso de categoría implicará tamén un incremento do orzamento do club, que pasará dos 100.000 euros do pasado curso a uns 170.000 euros, dos que o primeiro equipo feminino absorberá ao redor de 70.000 euros.
O regreso ao traballo dos diferentes equipos do CW Pontevedra está previsto para o 22 de agosto, data na que o primeiro equipo feminino inicia os adestramentos de pretemporada. E como é habitual afróntano coa incógnita do lugar de adestramento. Á espera de que se resolva dunha vez por todas o conflito de Rías do Sur, as mozas iniciarán os adestramentos na piscina do CGTD e debutarán en liga, se a piscina olímpica segue pechada, nas instalacións da Escola Naval Militar de Marín.
JAVI DE SÁA, UN PASO ATRÁS
"Decidín tomarme un descanso. Empecei no 2002 e no 2005 xa me encargaba de todos os equipos do club. Son moitos anos e decidín dar a substitución", explicou o exentrenador do primeiro equipo, Javi de Sáa, a súa renuncia á primeira liña da entidade lerezana. Sen pechar a porta a un futuro regreso, o preparador regresará agora ás súas orixes como encargado das categorías máis baixas da base do club.
O seu posto ocuparao un xogador que a pasada campaña estaba ás súas ordes: Iago Carabelos. "Vai ser raro pasar de compartir espazo na auga a velos desde fóra. Pero estou moi ilusionado e o obxectivo é crecer", declara o novo adestrador que se pon como meta clasificar ao equipo aos campionatos de España.
Relacionadas:
-
Sara Vanegas, a incorporación máis nova do Waterpolo Pontevedra para a súa estrea en categoría nacional
Por Redacción |
-
Valentina Restrepo, de Colombia ao proxecto de Primeira Nacional do Waterpolo Pontevedra
Por Redacción |
-
Karla Hernández, segundo reforzo mexicano para o proxecto do Waterpolo Pontevedra en Primeira Nacional
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra abre fronteiras fichando á mexicana Alejandra Gallegos
Por Redacción |
-
O Waterpolo Pontevedra coñece aos seus rivais para o reto de competir na Primeira Nacional
Por Diego Espiño |
-
O CW Pontevedra pon a proba o seu nivel para a Primeira División nun torneo internacional
Por Redacción |
-
O equipo feminino do Waterpolo Pontevedra culmina unha tempada de ilusión co título da Liga Galega
Por Redacción |
-
As mozas do Waterpolo Pontevedra, recibidas no Concello como novo equipo de Primeira División
Por Manu Otero |