Portas despide a segunda edición do Campus de Tecnificación de fútbol
Por Redacción
O II Campus de Tecnificación de fútbol impartido no campo municipal da Rapeira, en Portas, puxo punto e final este venres despois duns días de aprendizaxe e diversión.
No Campus participaron un total de 30 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 5 e os 13 anos, que puideron desfrutar de adestramentos e clases personalizadas da man do adestrador galego Manu Campos; Fran Fandiño, futbolista ex do Pontevedra, actualmente do Ribadumia; e de David Pintos, xogador do Teucro de balonmán. Este último incidiu na súa visión sobre as diferencias e similitudes entre o fútbol e o balonmán.
Tamén impartiron os seus coñecementos José Antonio Lodeiro e José Campos, encargados de dirixir a formación en tecnificación de fútbol para mellora-las súas habilidades individuales desde un punto de vista integrador no xogo de equipo.
A intención deste tipo de eventos lúdicos e multideporte é "fortalecer a súa formación deportiva combinando as técnicas propias do fútbol coa práctica divertida do fut-volei, fut-tenis e mesmo fútbol sala" nas instalacións do Concello de Portas.
O acto de clausura estivo presidido polo alcalde de Portas, Ricardo Martínez, que felicitou aos participantes e organizadores por esta iniciativa e destacou que "estas actividades redundan na formación persoal e deportiva dos participantes para inculcarlles valores positivos como o traballo, o esforzo e o compañerismo. Felicítovos a todos por participar nesta iniciativa e anímovos a que sigades pola senda da práctica deportiva e do estilo de vida saudable", indicou.
Pola súa banda, Manuel Campos agradeceu a colaboración do Concello, do equipo de fútbol do Portas e mesmo do CEIP Domingo Fontán xa que se utilizaron as súas aulas para as actividades teóricas e as charlas protagonizadas polos especialistas convidados.