O Villalonga frea ao Porriño (2-1) e achégase á cabeza da táboa
Por Redacción
Faltaba o goleador, Jorge Fernández, pero volvía Machu que se deixou notar. Necesitaban os de Julián Ferreiro reencontrarse coa vitoria e nada mellor que facelo fronte a un equipo como o Porriño, crecido e convertido en serio aspirante aos postos de honra.
Os celestes realizaron un gran partido, sen dar opcións ao seu rival, ata o punto de facer que o porteiro porriñés, Samu, se conviertiese no mellor xogador do partido, evitando unha vitoria máis ampla do cadro local.
Pero se importante foi a volta de Machu, non o foi menos a de Manu, que resultou decisivo no resultado, ao conseguir os dous goles que deron a vitoria ao Villalonga. O primeiro chegaba cando moitos espectadores aínda non tomaran asento nas bancadas de San Pedro, cun centro de Juanito, que rematou Manu dende o punto de penalti, cun disparo raso.
O gol deu tranquilidade aos locais, que realizaron un excelente primeiro tempo. Aínda así o Porriño tería unha clara ocasión de gol por medio de Aarón, que non conseguiu salvar a oposición de Albor, mentres o Villalonga puido ampliar a conta en remates de Juanito, Machu, Leo e Héctor.
Os comezos da segunda parte viron a reacción do Porriño, que se foi arriba en busca do empate, pero sería o Villalonga quen avisara primeiro, por medio de Antonio, que mandou o seu remate ao poste, e logo sentenciou nunha falta lateral que Manu colocou na mesma escuadra.
O Porriño reducía distancias no tempo engadido, pero xa sen opcións de conseguir nada máis.
VILLALONGA F.C. (2): Albor; Leo, Manu, Cuqui, Saúl, Juanito (Rego, min. 66), Machu (Martín, min. 85), Adrián, Héctor (Gabi, min. 66), Arias e Antonio (Cristóbal, min. 82).
PORRIÿO (1): Samu; Quini, Samuel, Miki, Álvaro, Tavi, Eloy (Millos, min. 61), Adrián (Pedro, min. 66), Aarón, Brais (Álex, min. 61) e Taran (Manu, min. 66).
Árbitro: Elespe Tireux (Santiago), auxiliado nas bandas por Martínez Barral e Maldonado González. Amoestou a Manu, Machu, Adrián, Antonio e Cristóbal, polo Villalonga, e a Miki, Álvaro, Tavi e Eloy, polo Porriño.
Goles: (1-0) Minuto 1: Manu. (2-0) Minuto 60: Manu. (2-1) Minuto 92: Aarón.
Incidencias: Campo de San Pedro (Vilalonga). Uns 350 espectadores.