A grovense Lara Lois revalida o título galego de XCO
Por Redacción
Un dos principais templos do ciclismo galego acolleu o pasado domingo o gran evento anual do Cross Country Olímpico autonómico. O Campionato de Galicia XCO 2022 celebrouse na localidade ourensá de Maceda con máis de 180 corredores inscritos e trece títulos en xogo.
Unha nómina de triunfadoras e triunfadores na que a grovense Lara Lois (Moto Bike) revalidou a súa coroa Elite. Pero a gran atracción da xornada foi o local Pablo Rodríguez (BH Templo Cafés), exhibiu diante dos seus veciños a súa condición de biker Elite-UCI para facerse co cetro galego.
Na categoría feminina, Lara Lois conseguiu, non sen esforzo, o seu obxectivo de revalidar o título autonómico. A ciclista do Moto Bike venceu con solvencia tras 1 hora 5 minutos e 36 segundos de carreira ao superar por 6 minutos e 3 segundos; á gañadora sub23 Andrea García (Academia Postal-Maceda). A elite marinense Irene Trabazo (XSM) ocupou o segundo posto élite, mentres que Desiree Fernández (Ribadumia) completou o podio da categoría raíña.
No cadro masculino, Pablo Rodríguez demostrou que o circuito de Maceda é o seu "xardín particular" para lograr o seu primeiro título autonómico elite. O seu triunfo, cun tempo de 1:17:31, asinouno con 2:49 de vantaxe respecto ao gran dominador do calendario galego durante as últimas temporadas, o monfortino Saúl López (Academia Postal-Maceda). Manuel Parada, do Xesteiras, foi terceiro.
Por outro lado, nas categorías inferiores foi sonada a actuación das ciclistas do Supermercados Froiz. En categoría júnior, Uxía Soto alzouse co título e no podio estivo acompañada pola súa compañeira Laura mira, que rematou terceira por unha avería. Ademais a cadete Aroa Otero, rematou segunda e Marta Estévez, terceira.
Relacionadas:
-
A grovense Lara Lois dá a Galicia o seu primeiro título nacional de XCO
Por Redacción |
-
29 de xullo, data para unha nova edición da carreira +10 Manuel Rosales
Por Redacción |
-
Os ciclistas Lara Lois e Daniel García brillan no Ruta do Lacón de BTT
Por Redacción |
-
Iván Feijoo, Lara Lois e Saúl López reteñen os seus títulos galegos de XCO en Marín
Por Redacción |