Primeira reprimenda da tempada en Pasarón para un Pontevedra que defrauda fronte ao Bergantiños
Por Ramiro Espiño
A que xoga este Pontevedra?. Pois se hai que xulgalo polo visto outra semana máis fronte a un rival da zona baixa e do máis limitado que se pode encontrar na categoría, a conclusión non pode ser máis rotunda e desoladora: absolutamente a nada. No fútbol actual a primeira premisa para obter resultados favorables é correr. Correr tanto ou máis que o contrario, poñer intensidade en cada disputa de balón, se en lugar diso se xoga andando calquera rival, por limitadiño que sexa (e o Bergantiños o é e moito) móllate a orella e déixate no máis absoluto dos ridículos.
Pero é que, ademais, os granates están a adquirir o perigoso hábito de regalar polo menos un gol en cada partido e os rivais só teñen que esperar que apareza o erro correspondente para poñerse por diante e logo esperar pracidamente a que vaian pasando os minutos nun "tran-tran" insulso no que domingo a domingo se repiten os mesmos erros técnicos e tácticos, coma se a semana previa non tivese servido para traballo ningún de preparación.
O partido fronte ao Bergantiños formulárase como unha especie de reivindicación, de lavar cara e imaxe tras a penosa actuación de Barbadás. Pois foi peor o remedio que a enfermidade. Polo menos en Barbadás foron poucos os seguidores que tiveron que regresar coa cara vermella de vergoña, abafados polo presenciado. Nesta ocasión non; nesta ocasión deixamos claro ante toda a parroquia que en lugar de progresar cada semana imos a menos futbolísticamente falando, tan a menos como a asistencia a Pasarón, cada vez menor, o que non é de estrañar, visto o visto, que para cabreos xa ten un bastante coa vida diaria.
Se contabilizamos os pases erróneos atrévome a asegurar que superan os correctos. Pero peor é a cada vez máis alarmante falta de eficacia nas accións de estratexia. Xa se sabe que, en caso de guerra, calquera burato é unha trincheira, e se a "guerra" é futbolística, o que traducido significa que se a falta de ideas non abunda, a "trincheira" na que refuxiarse adoita ser unha falta ou un corner que permita sacar o partido adiante, aínda cando non se mereza, pois o Pontevedra non ten nin trincheira, sinxelamente porque a súa ineficacia é tan alarmante como preocupante o dano que fai o rival nesas accións.
Imaxínase alguén en todo un Real Madrid a Ronaldo sacando os corners?. Pois no Pontevedra si. Sácaos o mellor goleador que temos e claro, non rematamos nin un. Pero xornada a xornada insistimos co mesmo nulo acerto. O mesmo que o saque inicial: balón atrasado ao lateral (xeralmente Adrián Gómez) e envío longo en diagonal buscando a Stefan. E claro, tanto coñécennos que neste partido o Bergantiños xa se foi a taponar evitando o desprazamento e roubando o primeiro balón.
Logo, a pasividade segue cando as accións a balón parado son en contra. O Bergantiños non se levou o partido de milagre nunha delas, cando ata catro atacantes buscaron un balón colgado dende un lateral, mentres os granates defendían "coa mirada".
A bancada estala contra o adestrador con berros de "Milo, vaite xa" na primeira parte e ao finalizar o partido
O peor de todo é que para corrixir erros hai que ser conscientes de que se cometen e dá a impresión de que non se é capaz de velos. Xornada a xornada, partido a partido insistimos no mesmo. Os rivais progresan e o Pontevedra vai cara a atrás, a menos. Fronte ao Bergantiños unha ocasión de inicio para Stefan, primeira chegada visitante e regalito correspondente. Logo quero e non podo. Un remate de Santi fóra e un centro chut de Adrián que dá na parte superior do longueiro como pobre bagaxe ofensiva fronte ao rival máis goleado da categoría. E claro, a bancada estalou. Á media hora escoitáronse por primeira vez berros de "Milo, vaite xa" que se repetirían con forza ao rematar o partido.
Dous cambios ao comezo do segundo tempo e o conservadorismo lóxico do Bergantiños facilitan unha lixeira melloría local, cun remate de Stefan fóra, con toda a portaría para el e o gol do empate na única xogada de mérito dos granates. Aí se acabo o fol. Dominio sen ocasións pero aínda con menos ideas e xogo plúmbeo ata o aburrimento e cabreo xeral. Unha vez máis o Pontevedra defrauda nun partido que se presumía favorable e fronte a un rival modesto, pero traballado e con motivación, o que nos leva á seguinte pregunta: está traballado este Pontevedra?.
PONTEVEDRA, C.F.: LLoves (1); Pacheco (1), Yago Vázquez (1), Pablo (1), Adrián Gómez (1); Cristóbal Juncal (0), Iago Paz (1), Moisés Pereiro (0), Fran Fandiño (1); Santi Domínguez (2) e Stefan (1).
Substitucións: Sestelo (1) por Yago Vázquez, min. 46. Tubo (2) por Pacheco, min. 46 e Richi (s.c.) por Fran Fandiño, min. 75.
BERGANTIÿOS, C.F.: Dani Varela (1); Tomás (2), Diego Peña (2), Sergio (2), Aarón (2); Álex Figueiras (1), Toni (1), Geri (1), David García (1), Alexandre (2); Iván Amor (2).
Substitucións: Chechu (1) por Geri, min. 58.
Árbitro: Brito Regadeira, auxiliado nas bandas por Landrove Lago e Montañés Naveiras (Ferrol). Amoestou a Iago Paz e David García.
Goles: (0-1) Minuto 21: Perda de balón en mediocampo que aproveita o Bergantiños para un envío en longo. Non acerta Yago Vázquez no rexeitamento e Iván Amor pica sobre Lloves, que estaba a media saída, sen que Pablo logre desviar o remate baixo paus. (1-1) Minuto 60: Fran Fandiño estrela o seu remate no porteiro e o rexeitamento cáelle a Iago Paz quen habilita a Santi Domínguez para que resolva cun remate raso e axustado.
Incidencias: Campo Municipal de Pasarón. Uns mil cincocentos afeccionados que despediron ao equipo cunha sonora apupada ao termo do partido e con berros de "Milo, vaite xa" dirixidos cara ao adestrador granate. Gardouse un minuto de silencio polo falecemento de Josefa Rodríguez, esposa de Manolo Barreiro, Delegado Honorífico da Federación Galega de Fútbol en Pontevedra.
VESTIARIOS:
JAVI LAVANDEIRA: Contento co punto conseguido, pero realista coa delicada situación do seu equipo, así compareceu na Sala de Prensa o técnico visitante, lamentando non ter conseguido parar o Pontevedra ao comezo da segunda metade: "Non soubemos neutralizar o seu xogo no arranque da segunda parte e iso custounos a vitoria. Nós intentamos facer o noso partido xogando as nosas bazas. Somos un equipo novo, coas vantaxes e inconvenientes diso: por un lado, a ousadía para atrevernos a intentar cousas fronte a rivais como o de hoxe, pero por outro lado a bisoñez que nos fai sufrir máis da conta, especialmente neses balóns altos, nos que fisicamente somos inferiores".
"O punto é bo -seguiu dicindo- pero non nos enganemos, o noso é un proxecto a longo prazo; se un domingo saen as cousas ben, como hoxe, pois estupendo, se non saen non podemos facer máis co que temos". Con respecto ao Pontevedra indicou: "Esperaba un equipo con máis tranquilidade na circulación de balón, pero a verdade é que o vín con dificultades e iso nos facilitou bastante a nosa labor".
MILO: Aínda que se esperaba un Milo enfadado polo pobre xogo despregado polo seu equipo, o adestrador local fixo unha curiosa e contraditoria análise do partido (ao admitir como lóxico o enfado da afección): "ÿ verdade que na primeira parte nos faltou intensidade, pero aínda así tivemos as nosas opcións que non aproveitamos. Volvemos cometer un erro que nos custou o gol, pero tratamos de combinar xogo en curto con desprazamentos en longo. Na segunda parte, coa entrada de Tubo fomos máis profundos, pero non aproveitamos as ocasións e logo, ao marchar Fran Fandiño xa nos faltou chegada pola banda dereita. De todos os xeitos hoxe non estou descontento co xogo do equipo, é verdade que fallamos co gol, pero este partido non ten nada que ver co da semana pasada".
Con respecto á lentitude no xogo, Milo dixo: "Cando Santi non está no seu mellor día é verdade que nos falta algo de mobilidade arriba, esperamos o balón e só Moisés é capaz de desbordar, pero abusamos de buscar o pase por dentro en lugar de abrir o xogo ás bandas".
Por último, o adestrador granate non estaba afectado polos berros que pedían o seu cesamento: "Entendo o cabreo do público. Eu tamén son socio e é normal que nos pitasen. Prefiro que sigan meténdose comigo e non cos xogadores, a ver se estando eles tranquilos recuperamos o equipo, que fomos nas primeiras xornadas".