Dobrete de bronce no nacional para os boxeadores do Team Thunder Aarón González e Goyo Rubio
Por Redacción
Os boxeadores do Team Thunder de Marín participaron a pasada fin de semana nos campionatos de España de categoría elite absoluta nos que Aarón González e Goyo Rubio conseguiron senllas medallas de bronce.
Rubio representou a Galicia no peso welter (-67 kg). O púxil fichado polo cadro morracense esta tempada continúa coa súa progresión ascendente como demostrou despois de gañar dous combates para plantarse en semifinais. O primeiro combate gañouno por KO no primeiro asalto, mentres que no segundo, despois de perder o primeiro round, foi capaz de sobrepoñerse para remontar nos dous asaltos finais. Con todo, en semifinais cedeu ante o empuxe do campión de España, Saber Mahouti.
Aarón González competiu no peso medio (-75 kg) na que alcanzou as semifinais despois de superar as roldas previas con autoridade. Con todo, na antesala da final unha polémica decisión dos xuíces determinou a eliminación do marinense. Tras un combate moi igualado, tres xuíces decretaron empate, mentres que os outros dous dábanlle a vitoria ao púxil galego. Pero a decisión debe tomarse por maioría e, tras deliberar, os árbitros cambiaron o seu voto e acordaron conceder o triunfo ao boxeador catalán.
Tanto Rubio como González tiveron que conformarse con "un bronce con sabor a ouro", mentres que a delegación galega regresa a casa cun total de dez medallas.