A base da Escola Hungaresa divírtese a golpe de medallas
Por Redacción
O pasado sábado celebrouse na localidade madrileña de Las Rozas o Criterium Nacional de Esgrima 2022, que levaba sen celebrarse dende o ano 2019 pola situación sanitaria derivada da pandemia da covid-19. A Escola Hungaresa desprazouse con cinco deportistas de categorías benxamín (M-11) e alevín (M-13).
No sabre masculino alevín do ano 2009, Matías Villamor clasificouse para a final, tras completar unha excelente fase de grupos, pero cedeu na loita polo ouro ante o madrileño Lucas Fernández, conformándose coa medalla de prata. No sabre masculino alevín do ano 2010, Álvaro Rodríguez fixo unha gran ronda previa, con sete vitorias e unha derrota,o que lle clasificaba directamente para a final fronte ao valenciano Blas del Cid. Álvaro Rodríguez controloou o asalto de principio a fin, alzándose coa vitoria por 10 tocados a 6 e coa medalla de ouro da súa categoría.
No sabre feminino alevín do ano 2009 competiu Candela Touriño que, ao igual que os seus compañeiros, fixo unha excelente rolda previa que a clasificaba para a final fronte á madrileña Gabriela Sordo, onde a lerezana venceu por un contundente 10 a 3 no marcador final e acadou a medalla de ouro. Mentres que, no sabre feminino alevín do ano 2010 participou Carmen Cubela, quen superou a fase de grupos e caeu na final fronte á donostiarra Olaia Urrutxurtu por 10 tocados a 7, obtendo a medalla de prata
Ao remate das probas de categoría alevín, deu comezo o torneo de categoría benxamín onde Marina Cubela fixo unha excelente fase de grupos, rematando na primeira posición e proclamándose campioa do torneo na súa categoría.
Coa obtención dos tres títulos e os dous subcampionatos, desde a Escola Hungaresa amósanse orgullosos polos resultados conseguidos polos seus prometedores canteiráns. "A canteira da esgrima en Pontevedra segue a vivir un momento doce que, de seguro, continuará a dar moitas ledicias no futuro", sinalan desde o club.
Relacionadas:
-
Dobrete nacional de prata e bronce para as cadetes Silva e Garnelo, da Escola Hungaresa
Por Redacción |
-
Inés Silva, bronce no primeiro torneo de sabre júnior da tempada puntuable para o ranking nacional
Por Redacción |
-
Pilar Garnelo ascende ao cuarto posto do ranking nacional de sabre cadete
Por Redacción |
-
A Escola Hungaresa organiza esta fin de semana o primeiro torneo de esgrima a cegas de España
Por Redacción |
-
Os tiradores da Escola Hungaresa brillan no torneo de verán de esgrima antiga
Por Redacción |