Melania Rodríguez consegue o ouro na Copa do Mundo de DMT
Por Manu Otero
A ximnasta pontevedresa Melania Rodríguez conseguiu a medalla de ouro na Copa do Mundo de ximnasia acrobática, na modalidade de dobre minitramp (DMT), celebrada a pasada fin de semana na cidade portuguesa de Coimbra.
A deportista estivo entre as mellores en cada unha das fases do campionato. Clasificouse á semifinal coa segunda mellor marca e meteuse na pelexa polas medallas como a terceira mellor do evento. Con todo, na rolda definitiva, Melania ofreceu a súa mellor versión para subirse todo o máis alto do podio cunha puntuación de 26.800 que lle serviu para colgarse a presea de ouro.
Por detrás, con 25.400 e 24.900, quedaron a neozelandesa Bronwyn Dibb e a australiana Carina Hagarty.
A pupila de Pablo Hinojar está centrada agora na modalidade de DMT coa vista posta nos World Games, que se celebran o próximo mes de xullo na cidade estadounidense de Birmingham.
Con todo, despois desta competición que ten marcada en vermello no seu calendario, a ximnasta pontevedresa volverá centrarse na modalidade de trampolín, na que aspira a clasificarse para os próximos Xogos Olímpicos de París.