O sexto cros de Udra contará con máis de 800 participantes nunha decena de categorías
Por Redacción
A Asociación por Beluso, coa colaboración do Concello de Bueu e doutras entidades públicas e privadas, organiza este domingo 26 de xuño, o sexto Cross Popular de Udra, un evento deportivo e familiar no que se agarda a participación de 841 persoas.
Segundo apuntan dende a organización, está previsto que ás 9.45 horas saian os participantes da andaina, para a continuación dar paso ás categorías escolares de pitufos, minibenxamín, benxamín, alevín e infantil, que percorrerán diversas distancias. Ás 11 horas sairá a carreira popular de 4 quilómetros, e ás 12 horas, a absoluta de 10 quilómetros, que son as que acollen a maior participación do evento.
Marcos Torres, presidente de Asbel, salientou na rolda de prensa celebrada este xoves na contorna de Chan de Esqueiros que “este ano recuperamos a normalidade despois da pandemia”. Amais das probas deportivas, tal e como vén sendo habitual, o evento contará cunha parte solidaria, de aí que estea prevista a colocación de varios postos de asociacións da contorna, como a Fundación Diabetes Cero, Adicam, Agaela, Asociación Protectora do Morrazo e Avempo, mentres que os trofeos son da autoría da Asociación Juan XXIII.
Ramón Pereiro, en representación da Xunta de Galicia, destacou que “esta competición vai máis alá do deporte e aposta por unha forte compoñente social, e con actividades paralelas que achegan un gran de area para concienciar á sociedade sobre o medio ambiente”.
Pola súa banda Félix Juncal, alcalde da vila, que estivo acompañado por Ricardo Verde, concelleiro de deportes, apuntou que “o domingo será un día festivo para toda a parroquia de Beluso nun enclave espectacular como Cabo Udra, que forma parte da Rede Natura 2000 e onde se sitúan fermosas praias”. Juncal agradeceu ao colectivo veciñal por organizar estes actos, e de forma especial a Marcos Torres, “que leva o seu compromiso e o seu traballo sempre por diante e con moitas ganas”.
O evento recuperará nesta edición varias actividades para pasar o día en familia, dunha forma similar á antes da pandemia. Así, haberá rocódromo, xogos populares e parque infantil de 10 a 14 horas; clase de zumba con Susy Alonso ás 10.45 horas; e unha limpeza na praia de Ancoradouro ás 11.15 horas.
En canto á entrega de premios, ás 11.15 horas entregaranse os das carreiras escolares, ademais dos dos primeiros inscritos tanto na categoría feminina como absoluta. Seguirá ás 12 horas coa entrega do trofeo bravo e xa ás 13.15 horas se farán os das carreiras absoluta, popular, equipos, veteráns e séniors.