As seleccións galegas sub 14 e sub 16 inician con vitoria e empate a súa andaina no nacional
Por Redacción
Botou a rodar o balón no Campionato de España de Seleccións Autonómicas que se celebra en Pontevedra de forma favorable para os intereses galegos. O partido inaugural enfrontou aos anfitrións de categoría sub 14 coa selección valenciana no Manolo Barreiro con vitoria por un a cero para os locais. A última hora da tarde chegou a quenda dos sub 16, que empataron fronte a Andalucía.
No partido inaugural, un gol de Pablo na primeira metade á saída dun córner bastou para que os tres primeiros puntos do torneo xa figuren na marcadora galega. O envite foi frenético, con moito ritmo e repleto de alternativas. Os de Jesús López deixaron os complexos no vestiario e tutearon en todo momento á potente selección valenciana.
O conxunto visitante avisou por medio de Igor nos primeiros compases, pero Galicia non se amedrentou e foi fiel á súa filosofía fíxose coa pelota e gozou por momentos diante dun público entregado que abarrotou as bancadas do Manolo Barreiro de Pontevedra.
O gol galego chegou na recta final da primeira metade obra do central Pablo. O xogador do Pavillón Ourense aproveitou unha serie de rexeites á saída dun córner para superar a Víctor Gómez.
No segundo tempo, a Comunidade Valenciana tivo o empate cun lanzamento de Dani Jiménez que se estrelou contra a madeira. A réplica de Galicia non tardou en chegar e no minuto 38 Nico Ruiz tivo o 2-0 nas súas botas.
Nos minutos finais, o partido rompeu e converteuse nun correcalles. Os visitantes fóronse arriba e, á contra, os branquiazuis puideron sentenciar. Algo que non ocorreu pero tampouco foi necesario porque as promesas do fútbol galego lograron amarrar os tres primeiros puntos.
Pola súa banda, a selección sub 16 mereceu moito máis que o empate a un tanto que levou no seu debut fronte a Andalucía.
Os de David Páez saíron como un vendaval ao céspede do Manolo Barreiro e no minuto 3 xa dominaban no marcador grazas a un golazo desde fóra da área obra de Óscar Marcos.
Con todo, os visitantes restableceron as táboas no marcador só dous minutos despois nunha xogada a balón parado que acabou rematando Manuel Maza.
Tras o descanso, os galegos foron moi superiores aos andaluces. Monopolizaron a posesión e xeraron ocasións para adiantarse, pero fallaron na definición. Ademais nos minutos finais Moha viu a segunda amarela e Galicia quedou en inferioridade numérica, aínda que non sufriu para manter o empate.
Este sábado, enfrontaranse a Baleares que tamén iniciou o seu campionato con empate contra o outro rival do grupo, Comunidade Valenciana.
Relacionadas:
-
O Manolo Barreiro vibra cunha remontada de ouro de Galicia na final do Campionato de España Sub-16
Por Redacción |
-
Galicia Sub-16, á final do Campionato de España tras golear a Cataluña na Xunqueira
Por Redacción |
-
Cataluña deixa a Galicia sen final no Campionato de España Sub-14 de Pontevedra
Por Redacción |
-
As seleccións galegas sub 14 e sub 16, directas a semifinais do nacional
Por Redacción |
-
A selección sub 14 avanza a semifinais do nacional e a sub 16 o xogará contra a Comunidade Valenciana este domingo
Por Redacción |
-
Todo listo en Pontevedra para recibir ás mellores seleccións autonómicas sub 14 e sub 16
Por Redacción |
-
Sorteada a fase final do Campionato de España Sub-14 e Sub-16 de fútbol que se celebrará en Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot |