Éxito de participación na recuperada carreira escolar Botón de Ancla
Por Redacción
A Avenida de Ourense de Marín foi escenario este mércores dunha nova edición da carreira escolar Botón de Ancla. Unha proba que celebrou a súa cuarta edición coa participación de preto dun milleiro de estudantes Educación Primaria e Secundaria dos centros educativos de Marín e do Juan Sebastián Elcano de Pontevedra.
A cita, que naceu no 2017 e tivo que interromperse en 2020 e 2021 pola pandemia da covid-19, comezou ás 10 horas con saídas graduadas desde o Parque Azul de Cantodarea en dirección á Escola Naval Militar, onde se instalou a liña de meta.
Nesta ocasión non puido celebrarse a categoría de adultos, na que participaban os guardiamarinas, porque o alumnado da Escola Naval atópase embarcado.
Esta carreira organizouse por primeira vez para conmemorar os 50 anos da instalación da Escola Naval en Marín. E esta cuarta edición da proba tamén foi especial porque serviu para inaugurar cun evento deportivo a humanización da Avenida de Ourense, na que se investiron preto de 800.000 euros nunha actuación cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.