Santi Picallo e Jabato reciben a Medalla de Bronce ao Mérito Deportivo da Federación Española de Balonmán
Por Redacción
Os grandes resultados conseguidos polo Club Cisne Balonmán nos últimos anos valéronlle Medalla e Insignia de Bronce ao Mérito Deportivo ao seu presidente, Santiago Picallo, e ao seu agora ex-adestrador Javier Fernández 'Jabato'.
Ambos foron galardoados na Gala dos Premios Nacionais 2022 que se celebrou este sábado no Auditorio do Banco Santander de Madrid, onde tamén se premiou a numerosos xogadores, adestradores, directivos, clubs e entidades na promoción do balonmán.
O acto foi presidido por Francisco V. Blázquez e contou coa asistencia de máis de dous centenares de persoas, entre os que destacou a presenza do presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco.
Blázquez destacou os logros do balonmán español no último ano, como "a medalla de bronce en Tokio, a de prata no Europeo de Suecia e a organización do Campionato do Mundo feminino. Esta é unha mostra do noso traballo por dignificar e posicionar o deporte feminino".
Tamén recoñeceu o traballo dos premiados e admitiu que "ver o que representa a RFEBM no mundo é un auténtico luxo. Estamos a falar da mellor federación do mundo. Representades a todos os estamentos e demostrades o mellor en cada campionato, deportistas e adestradores".
Ao longo da gala, a Real Federación Española de Balonmán fixo entrega de ao redor de 50 premios para distinguir o labor e o traballo de persoas clave en cada un dos estamentos que conforman a familia do balonmán español: entidades, clubs, institucións, directivos, árbitros, xogadores, medios de comunicación e personalidades do deporte.
Entre eles rendeuse homenaxe ao club pontevedrés por todos os éxitos logrados pola súa canteira nos últimos anos co culmen do ouro nacional xuvenil en 2021. Ademais da súa traxectoria co Cisne, con dous ascensos a Liga Asobal nas tres últimas tempadas, a Jabato recoñecéuselle o seu labor como técnico das categorías inferiores da Selección Española, coas que conseguiu unha medalla de bronce no Campionato de Europa Xuvenil celebrado o pasado verán en Croacia.
Cabe destacar tamén o galardón outorgado a personalidades como Pedro Moreno, que dedicou máis de catro décadas da súa vida ao balonmán e ao balonmán praia; Ángel Saboroso e Óscar Raluy, recoñecidos pola súa exitosa carreira como unha das mellores parellas arbitrais do mundo; e a Raúl Entrerríos, lenda e capitán dos Hispanos e do Barça, que se despediu en 2021 das pistas como xogador.
Nuestro presidente Santiago Picallo recogiendo la medalla e insignia de bronce al mérito deportivo en la gala de los #PremiosNacionales2022 de la @RFEBalonmano ¡Muy merecido este reconocimiento, grande Santi! #OrgullososdoNoso #SomosCisne pic.twitter.com/XDYsAtT7ER
— Club Cisne Balonmano (@ClubCisneBalonm) June 11, 2022
Relacionadas:
-
A xestión da base e a coordinación de adestradores, nova ocupación para Jabato no Cisne
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Acordo pechado do Cisne con Javier Márquez para que sexa o seu adestrador en Asobal
Por Diego Espiño |
-
Jorge Villamarín desvincúlase do Cisne
Por Redacción |
-
Román Arboleya, terceira renovación do Cisne
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Emotiva despedida de Jabato como adestrador do Cisne: "Sei que vou perder moito, pero necesitades máis"
Por Diego Espiño |
-
Outorgan a Santi Picallo e a Jabato a Medalla de Bronce ao Mérito Deportivo da Federación Española de Balonmán
Por Redacción |