Juan Pedro Trujillo cumpre os prognósticos ao conseguir a vitoria na Epic Race
Por Redacción
Partía co cartel de favorito e non defraudou. Juan Pedro Trujillo, vixente campión de España e referente na disciplica da BTT, proclamouse campión da Epic Race ao completar os 300 quilómetros de percorrido en 15 horas e 30 minutos. Na modalidade de 200 quilómetros o gañador foi o portugués José Pacheco.
Co pano da sexta edición da proba de bicicleta de montaña máis esixente do noroeste peninsular baixado, 175 corredores lograron cruzar a liña de meta no tempo límite establecido: 28 horas para a proba de 300 quilómetros e 19, para a de 200 quilómetros. Unha cifra que serve para poñer en valor o mérito de todos os participantes, posto que a maioría dos que tomaron a saída o sábado ás 8 da mañá lograron completar un percorrido de extrema dureza.
Por modalidades, na proba dos 200 quilómetros, o podio da categoría individual estivo formado polo luso Pacheco, acompado polos seus compatriotas Agostinho Cunha e Rui Rocha. Na modalidade por parellas, o triunfo levárono tamén os portugueses Dário Pereira e Fabio Pedrosa, do equipo Casa do Povo de Abrunheira. En segundo e terceiro lugar entraron os equipos Malga Brother e Cycling Team Monçaobike.
Na proba máis esixente, a de 300 quilómetros, o podio individual estivo formado polo campión de España Trujillo, seguido de Bruno Miguel Rosa e Javier López López. Por parellas, os máis rápidos foron Sergio Lusquiños e Miguel Ángel Santiago, de AD Fornelos. En segundo lugar chegou o equipo Vimos pola Cervexa e no terceiro, Armenteira e Punto.
O ranking de equipos de tres ciclistas encabezouno Abrunheira Bike Team, seguidos de Bicilab e Gasóleos Cantalejo.
A chegada do groso de corredores participantes na competición máis longa produciuse ao longo da madrugada deste domingo, mentres que a maioría dos competidores da carreira de 200 quilómetros lograron entrar en meta antes da medianoite do domingo.
Podes consultar as marcas de cada un dos participantes nesta ligazón.
Relacionadas:
-
A Epic Race regresa esta fin de semana cun desafío non-stop polos montes e a costa do Salnés
Por Redacción |
-
Chegan a meta os primeiros corredores da carreira de ciclismo máis épica
Por Redacción |
-
A Epic Race de ciclismo BTT presenta a súa sexta edición buscando "máis espectacularidade"
Por Diego Espiño & Diana Eiras |