Chegan a meta os primeiros corredores da carreira de ciclismo máis épica
Por Redacción
A última hora desta tarde de sábado, despois de tomar a saída ás 8 da mañá desde o Paseo de Montero Ríos, comezaron a chegar á meta instalada no mesmo punto os primeiros corredores participantes na Epic Race, unha carreira de ciclismo BTT na que os deportistas deben completar un percorrido de 200 ou 300 quilómetros polos montes da provincia nun formato non-stop.
Os máis atrevidos, os que compiten na proba de 300 quilómetros, seguirán dando pedais, como mínimo, ata a madrugada do domingo. Pero igualmente valentes foron os que completaron o trazado de 200 quilómetros en menos de dez horas, algo que fixo o portugués José Pacheco, o primeiro en cruzar a liña de meta. Tras el foron chegando o resto de participantes tanto da modalidade individual como por parellas.
Esta competición ciclista de resistencia celébrase durante os días 4 e 5 de xuño cun límite de 28 horas e 19 horas para cada unha das distancias, xa sexa de maneira individual ou por equipos de ata tres corredores.
En total inscribíronse na competición 300 deportistas participantes con presenzas destacadas como o actual campión de España da especialidade, Juan Pedro Trujillo.
A proba está dividida en sete etapas: Pontevedra-Meaño, Meaño-Portas, Portas-Moraña, Moraña-A Lama, A Lama-Mondariz, Mondariz-Redondela e Redondela-Pontevedra.
Relacionadas:
-
A Epic Race regresa esta fin de semana cun desafío non-stop polos montes e a costa do Salnés
Por Redacción |
-
Juan Pedro Trujillo cumpre os prognósticos ao conseguir a vitoria na Epic Race
Por Redacción |
-
A Epic Race de ciclismo BTT presenta a súa sexta edición buscando "máis espectacularidade"
Por Diego Espiño & Diana Eiras |