O regreso de Coke Carrillo ao Pontevedra, un soño?
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
É un dos canteiráns do Pontevedra Club de Fútbol cunha maior proxección nos últimos anos, non en balde saíu da entidade granate para enrolarse na canteira do Fútbol Club Barcelona, con quen chegou a ser titular do seu primeiro equipo xuvenil ademais de participar nas categorías inferiores da Selección Española.
Falamos de Coke Carrillo, porteiro que aos seus 20 anos vivirá a próxima campaña o seu segundo ano en categoría absoluta e que busca relanzar a súa carreira tras un ano en branco no Celta de Vigo.
O gardameta pontevedrés conta con contrato en vigor co Barcelona ata 2024, prorrogable a dous anos máis e cunha cláusula de rescisión de 50 millóns de euros que se dobrarían no caso de chegar ao primeiro equipo balugrana. Pero, é un soño o seu regreso ao Estadio Municipal de Pasarón?. O certo é que o ascenso a Primeira RFEF do Pontevedra abre a porta para soñar con esa posibilidade, por complicada que sexa, unido a que a entidade granate podería incorporar a un terceiro porteiro sen ter que darlle a baixa aos inquilinos da meta a última tempada, Pablo Cacharrón e Álvaro Cortés, con contrato en vigor.
Carrillo, sen oco no filial do Barcelona, aceptou tras renovar a súa saída en forma de cesión con opción a compra cara ao Celta de Vigo, co atractivo de volver á beira da casa tras varios anos fóra. Con todo a experiencia non resultou do todo positiva.
Habitual nos adestramentos do primeiro equipo celtista de Primeira División ás ordes do Chacho Coudet como terceiro portero, a pouca comunicación entre o máximo equipo celeste e o seu filial fíxolle pasar un ano completo sen minutos de xogo, sen chegar a debutar nin sequera no filial de Primeira RFEF.
Coke chegou a ir convocado en 17 ocasións co equipo de Primeira División e en 12 máis co filial, sen estrearse. Unha laxa moi pesada para un futbolista da súa proxección que, sen dúbida, buscará minutos a próxima tempada para seguir progresando.
Se o seu camiño e o do Pontevedra chegan a confluír será todo un aliciente para unha afección granate que goza ao máximo de ver aos seus canteiráns como protagonistas do primeiro equipo. O tempo dirá se iso vólvese posible no caso de Coke Carrillo.