O Feel Cortegada gaña en Cáceres cun grande acerto dende o exterior
Por Ramón Estévez
O pavillón Serrano Macayo de Cáceres foi testemuña dun dos mellores encontros que pode deparar o Grupo A da Liga Feminina 2, xa que tanto o Club Baloncesto Al-Qazeres como o Feel Cortegada son dous conxuntos chamados a estar na parte alta da táboa ao finalizar a liga regular.
O encontro comezou con dominio das xogadoras de Pepe Vázquez, que anotaban con fluidez, e xa facían presaxiar un gran día no lanzamento dende a longa distancia. Así, Montse Gilabert e Dita Liepkalne acertaban dende máis alá de 6,75 mentres que Ilenia Manzanares comezaba o seu recital, non só de puntos, senón tamén de rebotes e roubos de balón. Así, pasado o ecuador do cuarto, o electrónico sinalaba un esperanzador 9-20 para o Feel Cortegada, que recurtaron finalmente as cacereñas ata deixalo en 22-26 ao remate dos primeiros dez minutos.
O segundo foi o cuarto do despegue, xa que malia que Al-Qazeres tentou achegarse (28-31) nos primeiros tres minutos do período, pronto mudaron as tornas. Por se non era dabondo con Montse e Ilenia anotando, asistindo, reboteando e roubando, apareceron Onaissa e Salomé que converteron tres triplas entre as dúas para dinamitar o partido e infrinxir ás locais un parcial de 6-17 que deixou o encontro ao descanso de cara para as visitantes (34-48). Ao intermedio asinouse un espectacular 6/11 en triplas.
A cada tentativa de remontada local contestaba con celeridade o Feel Cortegada con canastras de tres
Durante o terceiro cuarto o partido converteuse nun quero e non podo para o Al-Qazeres, xa que a cada tentativa de remontada local contestaba con celeridade o Feel Cortegada con canastras de tres, ás que se uniu María España, e con outras dende a pintura, onde Amy Syll erixiuse na gran protagonista con 15 puntos e 7 rebotes. De todos os xeitos, hai que dicir que as estremeñas nunca lle perderon a cara ao partido, apoiadas no cuarteto formado por Jara Salgado con 11 puntos e 3/3 en triplas, Alejandra de la Fuente tamén con 11, Carla Ramos con 12 e a xogadora que máis dano fixo no xogo interior, Madu con 20 puntos e 8 rexeites.
Estas cuatro xogadoras anotaron 54 dos 70 puntos do Al-Qazeres. Debido ao acerto que mostraron no tiro tralo descanso, conseguiron reducir a distancia e baixala da barreira psicolóxica dos 10 puntos (49-58). Non obstante, as vilagarcianas nunca perderon a compostura e cunha tripla e unha canastra de Amy Syll pechaban o cuarto 13 arriba (52-65) e co partido baixo control.
Durante os últimos dez minutos o encontro mantívose roldando os dez puntos de vantaxe. Así, a falta de catro minutos, xusto cando era expulsada por faltas a base internacional portuguesa Carla Ramos, dominaban as de Pepe Vázquez por 61-71. Un par de accións positivas nas que Al-Qazeres sumaba de tres en tres achegaba a seus puntos ás locais (68-74), a falta de 1.40 para o final. Malia ese achegamento, o Feel Cortegada soubo aguantar, non lle tremeu o pulso dende a liña de tiros libres e confirmou unha vitoria de mérito nunha cancha moi complicada cun marcador final de 70-79.
Este foi un grande encontro de todo o equipo, pero cabe destacar a unha das súas xogadoras, que se ninguén realiza unha actuación máis estratosférica ca ela, pode converterse na MVP da xornada. Ela é Ilenia Manzanares, quen asinou 18 puntos, 9 rebotes, (5 defensivos e 4 ofensivos), 9 faltas recibidas e 9 balóns recuperados para asinar 40 puntos de valoración.
CLUB BALONCESTO AL-QAZERES 70: (22+12+18+18): Salgado (11), Rodríguez (5), De La Fuente (11), Sánchez (4), Ramos (12), Madu (20), Samba (7) e Corrales (0).
FEEL CORTEGADA 79: (26+22+17+14): Andrea Ríos (4), Dita Liepkalne (7), Alejandra Carballa (0), Montse Gilabert (11), Onaissa Sbahy (3), María España (11), Salomé García (8), Amy Syll (15), Lucía Méndez (2) e Ilenia Manzanares (18).
Árbitros: Javier Jeréz e Rodrigo González. Sinalaron 22 faltas ás locais e 18 ás visitantes. A xogadora do Al-Qaceres, Carla Ramos, foi eliminada por cinco faltas persoais.
Incidencias: Encontro correspondente á xornada 2 do grupo A da Liga Femenina 2 disputado no pavillón Serrano Macayo de Cáceres.