As perdas de balón e unha arbitraxe caseira condenan o Teucro en Pozoblanco
Por Redacción
Terceira derrota consecutiva do Teucro que volveu caer como consecuencia dos seus propios erros nos últimos minutos do primeiro período, pero tamén grazas a unha arbitraxe de corte caseiro que impediu que a reacción dos de Javier Barrios no segundo período lles permitise dar a volta ao marcador.
O conxunto pontevedrés acusou as baixas e tamén uns dez minutos finais do primeiro tempo no que varias perdas de balón propiciaron o despegue no electrónico do equipo local.
A segunda parte foi outra historia. O Teucro entoouse e comezou a enxugar a desvantaxe ata poñerse a un só gol por debaixo. Non obstante, cada vez que ésto sucedía aparecía a parella arbitral aplicando diferente regulamento en cada área e deixando aos teucristas en inferioridade en momentos claves, o que permitía ao Pozoblanco manter unha mínima renda que ao final lle serviría para adxudicarse o triunfo.
Aínda que en número de exclusións os locais sufriron unha máis, o momento desas exclusións foi sensiblemente distinto e decisivo. O Teucro tivo opcións de puntuar case ata a última xogada, pero mesmo nese momento a descualificación directa de Tomás Moreira, a falta dun minuto, imposibilitou culminar a remontada.
A derrota afunde ao conxunto teucrista na penúltima praza da táboa e converte o partido da próxima semana no Municipal pontevedrés fronte ao Barakaldo nunha especie de final para evitar angustias xa dende os comezos ligueiros.
BM. POZOBLANCO (29): Molina; Alcántara (3), Del Castillo (4), Badía (5), Luna (1), Mercero (4), Rajic (1), González (p.s.), Regueira, Moreno, Povedano (11), Rubio e Dueñas.
S.D. TEUCRO (27): Juan Bar; Aarón, Carlos Pombo, Toño Fernández (2), Alejandro Pombo (1), David Chapela, Porto (6), Moreira (5), Ricoy (4), Villar (8), Dobarro (p.s.), Siscu (1) e Sío.
Árbitros: Sergio Elordui Elorrieta e Javier Gutiérrez Quintano (Euskadi e Cantabria). Excluíron por dous minutos a Del Castillo, Luna, Mercero (2), Moreno (2), Povedano (2), Carlos Pombo, Toño Fernández (2), Alejandro Pombo, David Chapela, Porto, Tomás Moreira (descualificado directamente a falta de 1 minuto).
Marcador (cada cinco minutos): 2-2, 5-3, 8-7, 11-8, 14-9, 16-11 (descanso), 17-14, 20-17, 21-19, 23-21, 26-25 e 29-27 (final).
Incidencias: Pavillón municipal Juan Sepúlveda de Pozoblanco. Unhas duascentas persoas.