A Subida Cidade de Pontevedra estudia so seu traslado ao Pontillón en 2023
Por Manu Otero
A vixésimo terceira edición da Subida Cidade de Pontevedra, que estaba prevista para os días 16 e 17 de xullo, queda suspendida polas dificultades da escudería organizadora para reunir o orzamento necesario para a realización dunha proba deste tipo.
Despois de pedir desculpas tanto aos pilotos como aos afeccionados por este imprevisto, o presidente da escudería Ciudad de Pontevedra, Florentino Leiro, confirma o firme compromiso de retomar a competición o próximo ano.
Con todo, a edición do 2023 pode chegar con novidades no circuíto. Despois de realizar as últimas edicións en Almofrei, os organizadores estudan o traslado da subida á localidade do Pontillón do Castro.
Nas próximas semanas, Leiro iniciará os contactos coas persoas implicadas nunha competición deste tipo para confirmar a sede dunha das subidas máis emblemáticas do calendario de rally de montaña en Galicia e comezar coa tramitación para a organización da próxima subida.
A pesar da suspensión da proba, a actividade da escudería pontevedresa non cesa. "Estamos a colaborar con outras escuderías na organización doutras subidas", explica o presidente Leiro. Ademais, o mes que vén teñen previsto comezar a conceder licenzas a novos pilotos que representarán á escudería Ciudad de Pontevedra en diferentes competicións de motor.
Relacionadas:
-
A regularidade de Javier Ramilo lévao ao triunfo no II RallyMix Concello de Ribadumia
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
O RallyMix de Ribadumia aposta por crecer na súa segunda edición
Por Redacción |
-
O Rally de Pontevedra reunirá a 130 participantes na fin de semana de San Xoán
Por Redacción |
-
Retomar as subidas á Escusa e a Ponte Caldelas no 2021, obxectivo da escudería organizadora
Por Manu Otero |
-
A Subida a Pontevedra repite percorrido pola beira do Almofrei
Por Manu Otero |