Novo éxito do pontevedrés Juan Antonio Saavedra ao proclamarse campión de España de Tiro Olímpico
Por Redacción
O tirador paralímpico Juan Antonio Saavedra suma un novo título ao seu xa impresionante palmarés. O deportista pontevedrés proclamouse campión de España de Tiro Olímpico na categoría de Carabina Tendido R3. Foi nun torneo celebrado este domingo no Centro de Tecnificación Deportiva de Prado Salobre, na localidade rioxana de Lardero.
A proba coincidiu coa disputa da decimoquinta edición do Open Internacional Vino de Rioja, no que xunto con tiradores sen discapacidade, competiron deportistas paralímpicos nas categorías de pistola P1 e P2 e na de carabina de R5.
No Campionato de España, na categoría de R3, Juan Antonio Saavedra conseguiu facerse coa vitoria ao sumar 631,3 puntos, un resultado que lle permitiu quedar por diante do tirador catalán Miquel Orobitg (622,2 puntos) e do tamén galego Manuel Brage (617,4 puntos).
O Campionato de España de Tiro Olímpico en R3 e R5 2013 foi organizado pola Federación Española de Deportes de Persoas con Discapacidad Física (FEDDF) e a Real Federación Riojana de Tiro Olímpico.