Poio repartirá 180.000 euros en axudas directas ao tecido deportivo do municipio
Por Redacción
O Concello de Poio dá a coñecer o montante económico correspondente ás axudas directas que destina ao tecido deportivo do municipio. A contía experimenta unha importante suba con respecto ao exercicio de 2021, e pasa dos 120.000 euros a preto de 180.000 euros.
Explica a concelleira de Deportes, Marga Caldas, que o groso destas achegas corresponden a subvencións nominativas e patrocinios, aos que hai que engadir máis de 30.000 euros que se reparten por concorrencia competitiva. Neste último caso, a responsable desde departamento apunta que a esta última modalidade poden optar tanto clubs como deportistas que participen en competicións federadas. A dotación destas subvencións realizarase tendo en conta unha serie de bases que foron consensuadas no seu día co propio tecido deportivo do municipio.
"Volverán figurar como gastos xustificables aqueles relacionados coa adquisición de material e posta en marcha de medidas para garantir o deporte seguro no contexto derivado da Covid-19”, recorda a nacionalista.
Estas axudas por concorrencia competitiva divídense en dúas liñas. A primeira delas está dirixida a clubs e entidades que disputen competicións de carácter federado, cunha contía total que ascende a 27.150 euros. Polo que respecta á Liña 2, esta corresponde a deportistas que compitan de xeito individual (3.000 euros).
A maiores, o Concello de Poio tamén prevé a realización de grandes investimentos para a mellora e rehabilitación de infraestruturas deportivas, como o arranxo da pista do pavillón da Seca ou a renovación do céspede do campo de fútbol da Reiboa.
A concelleira do goberno local salienta a importancia de consolidar este tipo de iniciativas, xa que “nos últimos anos a actividade deportiva no noso municipio vén de experimentar un importante incremento, tanto no que a formación de base se refire, como á actividade competitiva, así como na acollida de probas de ámbito autonómico e nacional. Actualmente, e a pesar das dificultades provocadas pola pandemia, podemos dicir que Poio é un referente no eido deportivo da bisbarra, polo que é necesario establecer un mecanismo obxectivo, equitativo e transparente do reparto dos recursos”.
Precisamente, o Consistorio asinou hai uns días un patrocinio co Club Saraiba, que ascende a máis de 3.000 euros. A concelleira de Deportes salienta o gran labor que realizan desde esta entidade, que na actualidade conta con máis de 50 integrantes en diferentes categorías e que “xa é todo un referente da ximnasia rítmica, grazas aos diferentes éxitos e grandes resultados acadados ao longo dos anos”.
Relacionadas:
-
A superficie do pavillón polideportivo do CEIP Lourido será renovada
Por Redacción |
-
Adxudicada a mellora e substitución do céspede do campo da Reiboa
Por Redacción |
-
O pleno de Poio aproba un convenio cos comuneiros de Combarro para crear un circuíto BTT
Por Redacción |
-
Poio prevé o investimento de máis de 700.000 euros en infraestruturas deportivas durante 2022
Por Redacción |
-
Poio prepara unha batería de actuacións nas que investirá 5,5 millóns
Por Redacción |