Case 3.500 votos populares e 175 cartas de apoio avalan a candidatura de Teresa Portela ao Premio Princesa de Asturias
Por Redacción
A Xunta de Galicia entregou á Fundación Princesa de Asturias a candidatura de Teresa Portela para o Premio Princesa de Asturias dos Deportes 2022, cuxa cerimonia terá lugar na segunda quincena do mes de outubro.
O goberno autonómico comandou nas últimas semanas unha candidatura que nace tras a medalla de prata da padexeira en Tokyo pero baseándose no seu "brillante currículo deportivo con 15 medallas mundiais e 17 europeas", xustifica a Xunta, ao que se suma o feito de converterse na española con maior número de participacións olímpicas, con seis.
Actualmente e aos seus 39 anos, Portela traballa a diario no Complexo Deportivo David Cal do encoro pontevedrés de Pontillón do Castro co obxectivo de sumar en París a súa sétima experiencia nuns Xogos e seguir agrandando a súa lenda.
Todo un exemplo no deportivo e no académico, ao compaxinar a súa preparación coa diplomatura de Maxisterio de Educación Física e co Grao de Fisioterapia.
Ademais "a maneira en que compatibiliza a maternidade co deporte de alto nivel serve a moitos e moitas como motivación para loitar polo que se quere alcanzar e manda unha mensaxe á sociedade na que o deporte é un compañeiro indisociable en calquera etapa da vida", defende a candidatura de Teresa Portela.
A proposta enviada á Fundación Princesa de Asturias está avalada por preto de 3.500 votos populares e 175 cartas de apoio, entre as que figuran respaldos importantes como os da Federación Internacional de Piragüismo ou o Consello Superior de Deportes, xunto ás universidades galegas, oito federacións deportivas nacionais, 56 federacións deportivas autonómicas, 48 concellos galegos, 28 entidades deportivas e 11 medios de comunicación.
Relacionadas:
-
A Xunta pide apoio para impulsar a candidatura de Teresa Portela ao Premio Princesa de Asturias
Por Diego Espiño |
-
Teresa Portela, na gala do COE en homenaxe aos medallistas de Tokyo: "Síntome orgullosa de ter insistido"
Por Diego Espiño |
-
Teresa Portela e Susana Rodríguez estrean aula propia na facultade de Fisioterapia
Por Redacción |
-
Un convenio de case 225.000 euros para converter Pontevedra na casa do equipo nacional de kaiak feminino
Por Diego Espiño |
-
Teresa Portela, decidida a ir a por os Xogos de París 2024: "Sería algo incrible, aínda que agora o vexo moi lonxe"
Por Diego Espiño |
-
O equipo nacional feminino de kaiak establece a súa base no CGTD de Pontevedra
Por Diego Espiño |