A xunta xeral de accionistas do Pontevedra posponse ata o 8 de xaneiro
Por Ramiro Espiño
Hora e media de debate para poucas conclusións e menos decisións. A esperada reunión entre o consello de administración do Pontevedra e os accionistas maioritarios rematou cunha soa novidade relevante, a de atrasar a data prevista inicialmente para a celebración da xunta xeral de accionistas, para a cal se barallara a data do 30 de decembro, pospoñéndoa para o día 8 de xaneiro. O argumento que se fixo público para xustificar tal atraso obedece á non dispoñibilidade de espazo no Pazo da Cultura.
Polo tanto, salvo que na reunión que manterá o presidente José Manuel Fernández cos aboados a próxima semana se faciliten cifras concretas, haberá que esperar case un par de meses máis para coñecer públicamente o estado real da economía granate, xa que na noite do martes unicamente se falou da necesidade de conseguir recursos económicos cos que facer fronte aos pagamentos máis inmediatos antes de finalizar o ano, pero sen facer mención a cantidades.
Na reunión, da que non se permitiu obter testemuño gráfico, déronse cita o presidente do consello, José Manuel Fernández, e os conselleiros Lupe Murillo, que representaba tamén a Ricardo Tilve na súa calidade de accionista, e José Antonio Millán, quen á súa vez representaba as accións de Gestsoccer Hash, S.L. e as de Frama Jardinería. Xunto a eles compareceron os representantes das empresas E.C. Casas, Mauricio Rodríguez, fillo, Administradores de Economía, S.L., Fernando Gómez, xunto cos de Sercoysa e Monbús, o que significa que estaba representado máis do 82% do conxunto de accionistas.
Segundo a versión oficial, o motivo principal da reunión, ademais do cambio de impresións sobre a situación económica da entidade, foi presentar o novo máximo accionista da entidade granate, debatendo sobre as accións a realizar nas próximas datas.
Ademais de fixar a data da xunta xeral, os accionistas maioritarios e os membros do consello conviñeron en que non se producirán nomeamentos de novos conselleiros ata a devandita xunta xeral, para cubrir as vacantes causadas polas dimisións de Mauricio Rodríguez e José Manuel Dopico.
Se ben sobre a mesa se volveu poñer a posibilidade de celebrar eleccións, a proposta posiblemente sexa debatida nun consello a celebrar con anterioridade a xunta.
De todos os xeitos, antes de chegar a esa data aínda poderían producirse novidades importantes en forma de cambio substancial na composición accionarial da entidade, debido a unha operación producida nas últimas horas, pero da que non se quixo facilitar máis detalles.