A Lama volverá ser escenario decisivo nunha nova edición da Epic Race
Por Redacción
A Lama será este ano saída e meta de etapa da Epic Race 2022, unha das carreiras de bicicleta de montaña non-stop más duras del panorama nacional. O tenente de alcalde David Carrera e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, mantiveron unha xuntanza de traballo con responsables da proba, que se disputará entre os días 4 e 5 de xuño sobre unha distancia de 200 ou 300 quilómetros.
A organización espera que se supere a participación de ciclistas da edición anterior na que tomaron a saída uns 400 corredores. Na proba, que está incluída no calendario da Federación Galega de Ciclismo (FGC), os corredores percorrerán uns 300 quilómetros, con aproximadamente 8.500 metros de desnivel acumulado positivo, por diferentes lugares da provincia de Pontevedra, xa sexa de forma individual, por parellas ou en equipos de tres compoñentes.
Unha gran parte dos participantes son de nacionalidade portuguesa e o resto proveñen de Galicia, Madrid, Navarra, País Vasco, Andalucía, Asturias, Canarias, Castela e León, Castela-A Mancha e Estremadura e percorrerán A Lama polas parroquias de Escuadra, A Lama, Gaxate, Verducido, Antas, Xesta e Xende utilizando para elo sendeiros por terreos comunais e camiños veciñais.
Esta proba ciclista de especial dureza está dividida en cinco etapas onde a máis longas e dura partirá desde Moraña e terá a chegada na Lama. Será un percorrido duns 55 quilómetros e un desnivel positivo de 1.450 metros o que a converte na máis complicada e decisiva da proba.
Tanto o tenente de alcalde David Carrera como o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, manifestaron a súa satisfacción porque a organización da proba volver a pensar na Lama para formar parte desta proba épica que ten na beleza paisaxística e natural e no sacrificio físico parte dos seus atractivos. “É unha boa ocasión para seguir promocionando o noso concello como destino axeitado para a práctica deportiva e para o goce da natureza en familia de mil e un xeitos”, indicaron Carrera e Vidal.