Goleada balsámica do Pontevedra fronte á Gimnástica Segoviana (3-0)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
Importante vitoria a conseguida este sábado polo Pontevedra Club de Fútbol na visita da Gimnástica Segoviana ao Estadio Municipal de Pasarón. Certo é que non lle vale para recortar puntos con respecto ao líder Unión Adarve, que venceu en Ceares e mantense con 6 puntos de distancia, pero si para recuperar enerxías e confianza nesa persecución poñendo fin á súa mala serie de resultados.
Destacaban no once dos de Ángel Rodríguez a presenza de Rufo como titular pola sanción de Charles, xunto ao regreso de Miguel Román á medular superada a súa suspensión, apostando no demais o técnico pola continuidade.
Sabían os granates o que había en xogo e saíron dos vestiarios cun elevado ritmo nas súas primeiras accións e cunha velocidade de circulación maior que nos últimos partidos na casa. De feito non se tiña cumprido o minuto de xogo cando Rubio filtraba un gran balón ao movemento de Rufo ás costas dos centrais e Mansour non tiña máis remedio que derrubalo na frontal, vendo a cartolina amarela ao non estar aínda o coiro en posesión do ariete. Na falta, Rubio rozou o primeiro cun preciso lanzamento por encima da barreira obrigando a lucirse a Carmona.
A presión inicial foi baixando co paso dos minutos ante un rival que apenas ameazaba aínda que o probou nunha contra cazando Llorente unha pelota rebotada que terminou cruzando demasiado, respondendo o Pontevedra pasado o cuarto de hora cun intento de vaselina de Rufo que marchaba lixeiramente alta, e pouco despois nun centro de Álex González que remataba de cabeza Rubio frouxo e desviado en posición vantaxosa.
Foi pouco antes da primeira xogada decisiva do choque. Yelko Pino recibía con espazo e poñía un pase á carreira para Alberto Rubio na custado da área, arriscou na súa saída o porteiro visitante caendo no simulacro do granate e derrubándoo a pesar de estar lonxe da meta. Penalti claro que Brais Abelenda non desaproveitaba para poñer o 1-0 enganando o gardameta.
Primeira chamada de de @BraisAbelenda en Pasarón
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) March 12, 2022
Marca de penalti o - do @PontevedraCFSAD fronte á @lagimnastica
A infracción foi cometida sobre Rubio pic.twitter.com/2ZmjXOQkV6
O máis difícil estaba feito, perforar a meta contraria e conseguir unha vantaxe que se resistiu nas últimas xornadas, e aínda por riba oito minutos despois unha acción a balón parado serviría para colocar o segundo tanto no marcador. Yelko sacaba un córner desde o costado destro e de novo Brais, cun testarazo certeiro ao primeiro pau, enviaba o balón ao fondo da rede poñendo moi de cara o choque antes do descanso.
Descanso en Pasarón!!
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) March 12, 2022
Chegou a segunda chamada de de @BraisAbelenda @PontevedraCFSAD 2 - @lagimnastica 0 pic.twitter.com/GnLurgy1kp
Con todo en contra e nada que perder o adestrador visitante axitou o banco cun triplo cambio no intermedio, e a Gimnástica buscou meterse no partido apertando nos primeiros minutos do segundo acto, aínda que a súa falta de precisión no último pase evitou sustos maiores a un Pontevedra que aos poucos foi recobrando o mando.
Conforme avanzaban os minutos o encontro parecía cada vez máis controlado, estando máis preto o terceiro dos locais cun disparo de Álex González que desviaba á esquina con apuros Carmona. Con todo o duelo non estaba pechado e Borrego no minuto 70 tivo a opción de meter ao seu equipo na pelexa coa mellor ocasión do partido para a Segoviana. Llorente filtrou un balón ao espazo pero Cacharrón, na súa primeira aparición, non puido estar máis acertado cunha man salvadora para evitar o gol.
Achegábase o final sen que matasen o duelo os granates e púidolles custar caro tamén nunha falta sacada por Nanclares que Llorente rematou de cabeza atopándose co traveseiro. Era o minuto 83 pero como no fútbol quen perdoa termínaa pagando na seguinte acción sentenciaría Rufo nunha rápida contra conducida por Romay definindo con calidade ao salvar por alto a saída do arqueiro.
Despois de dous partidos sen gañar e ver porta, o @PontevedraCFSAD retoma a senda triunfal
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) March 12, 2022
Vitoria clara fronte a @lagimnastica -
O último levou a sinatura de Rufo, que non festexaba un gol en Pasarón desde outubro pic.twitter.com/gAiLwQOVHM
Un 3-0 definitivo que sen chegar nin de lonxe no mellor partido da tempada debe servir aos de Ángel Rodríguez para crecer e achegarse á súa mellor versión, porque a necesitarán nas nove xornadas que restan se queren pelexar polo obxectivo do ascenso directo.
PONTEVEDRA CF (3): Cacharrón, Seoane, David Soto, Churre (Samu Santos, min.86), Samu Araújo, Miguel Román (javi Rey, min.72), Yelko Pino, Álex González (Martín Diz, min.86), Rubio (Oier, min.86), Brais Abelenda (Romay, min.72), Rufo.
GIMNÁSTICA SEGOVIANA (0): Carmona, Javi Marcos, Manu (De la Mata, min.46), Álex Conde (Miguel, min.81), Borrego, Llorente, Nogueira, Borao, Rubén Yubero (Rahim, min.46), Mansour (Rui, min.46), Dani Arribas (Nanclares, min.70).
Árbitro: Enrique Gao Aladro, auxiliado nas bandas por Buergo González e Rivas Nosti (Asturias). Amoestou a Samu Araújo no Pontevedra e a Mansour, Rahim e Manu na Gimnástica Segoviana.
Goles: 1-0 Brais Abelenda, de penalti (min.28); 2-0 Brais Abelenda (min.36); 3-0 Rufo (min.84).
Incidencias: Partido da xornada 25 de liga no Grupo I da Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante ao redor de 1.200 espectadores. Gardouse un minuto de silencio polo recente falecimento de Magín Froiz.
Relacionadas:
-
"Estamos nun momento moi fodido da economía como para que na Segunda RFEF haxa prezos tan elevados"
Por Diego Espiño |
-
Antiviolencia propón unha multa de 100 euros ao Pontevedra tras exhibirse unha bengala en Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Polémica polas entradas do Coruxo-Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Vao, aliado para o Pontevedra ante a ameaza do renacido Coruxo dos irmáns Montes
Por Diego Espiño |
-
Un momento clave da tempada, pero mirando "partido a partido"
Por Diego Espiño |
-
Vitoria e portería a cero con dedicatoria especial para Borja, socio granate de 31 anos falecido esta semana
Por Almu Dapena & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
O momento de Rufo: "Esperamos que demostre o importante que é para o equipo"
Por Diego Espiño |
-
Diego Seoane pide un voto de confianza no Pontevedra porque "entre todos ímolo sacar"
Por Diego Espiño |
-
A sanción para Charles queda en dous partidos
Por Diego Espiño |
-
Redución no prezo das entradas e promoción a socios para recibir á Gimnástica Segoviana
Por Redacción |
-
Charles exponse a unha posible sanción de 4 partidos pola súa expulsión fronte ao Llanera
Por Diego Espiño |
-
O Llanera reduce ao Pontevedra (1-0)
Por Manu Otero |