Guillermo García, un pontevedrés ante o reto do Gran Camiño con ganas de "demostrar que este é o meu lugar"
Por Diego Espiño
Só cinco ciclistas galegos tomarán a saída este xoves na primeira das catro etapas do Gran Camiño, primeira proba ciclista profesional que acolle Galicia en máis de dúas décadas, e entre eles estará o pontevedrés Guillermo García Janeiro.
No seu segundo curso como profesional, tras o seu salto mediada a pasada campaña ao Efapel portugués, García Janeiro afronta a cita "cunhas ganas tremendas", e non é para menos. Agora nas filas do tamén equipo luso Radio Popular Boavista medirase con grandes equipos e nomes do pelotón internacional, como o campión mundial Alejandro Valverde e o seu Movistar, o danés Jakob Fuglsang (Israel), ou os irmáns Herrada (Cofidis) e Izaguirre (Cofidis e Movistar), entre outros.
"Cando nos notificaron que iamos estar no Gran Camiño xa sabía que ía ir Movistar, Cofidis, Israel, Education First, pero claro hai corredores e corredores dentro deses equipos e que che digan que vai vir xente, estrelas mundiais que ti de pequeniño víalos pola tele pois impresiona. Son xente que dentro de dous meses ou tres van estar loitando polo Giro de Italia, e Valverde vai estar loitando en tres semanas polas grandes clásicas de inverno", resume o pontevedrés.
No seu caso a cita supón unha gran oportunidade para "para deixarme ver e demostrar que este é o meu lugar, que non mo regalaron, que a base de traballo e constancia cheguei aquí por méritos propios". Un lema que vale para toda a tempada.
No que respecta a a recuperada Volta a Galicia, esta O Gran Camiño constará de catro xornadas (Porriño-Vigo, Bertamiráns-Ézaro, Maceda-Luintra e unha contrarreloxo final en Sarria) nas que o corredor do Boavista destaca "o día de Ourense cos últimos 30 quilómetros que son criminais, pero preciosos", ademais dunha chegada ao Miradoiro de Ézaro que "parece que desde a saída son dous repechos chairos pero é unha etapa moi dura e de desgaste".
O que si ten claro é que Galicia merecía volver ter presenza no calendario profesional despois de tantos anos, un longo periplo que fai "chocante que grandes ciclistas galegos como Veloso ou como Álex Marque nunca corresen unha".
O estradense Marque (Tavira) será precisamente outro dos ciclistas galegos en liza, xunto ao redondelán Samuel Blanco (Tavira), o moañés Delio Fernández (Tavira) e o macedán Carlos Canal (Euskaltel). "Somos como a mafia galega" recoñece entre risas García Janeiro ao estar todos menos Canal en equipos portugueses e coincidir a miúdo. "Levámonos moi ben, e como somos practicamente da zona adoitamos adestrar a miúdo no inverno, facemos piña", revela.
Aínda que consciente de que os equipos World Tour "están cinco banzos por riba", este pontevedrés non renuncia a dar batalla na proba da casa na que o seu equipo pelexará "pola montaña, metas volantes, etapas se se pode e basicamente por deixarnos ver".
Relacionadas:
-
Guillermo García Janeiro seguirá un ano máis no pelotón profesional portugués co Radio Popular Paredes Boavista
Por Diego Espiño |
-
Guillermo García Janeiro pasa a profesionais co Efapel portugués: "Aínda non mo creo"
Por Diego Espiño |
-
Guillermo García Janeiro ficha polo Farto tras frustrarse o seu paso a profesionais
Por Redacción |