VÍDEO.- Santiaguiño do Burgo festexa a vitoria de Senegal na Copa de África
Por Cristina Saiz & Redacción
A final da Copa África, na que xogaron Senegal contra Exipto, deixou grandes imaxes en Pontevedra grazas a Boa Vida e Daira Touba.
Ambas asociacións organizaron este domingo unha reunión no baixo da Igrexa do Santiaguiño do Burgo para ver o partido e "compartir unhas horas de alegría intercultural" entre senegaleses, exipcios e demais cidadáns que desexaron acudir. Finalmente a asistencia foi principalmente de poboación senegalesa residente en Pontevedra e na súa contorna.
Todos os asistentes viviron con intensidade a cita desde unha hora antes do inicio do encontro. Os asistentes seguidores de Senegal, malia todo, tiveron que controlar os seus nervios durante máis de 120 minutos porque o partido e a prórroga finalizaban con empate a cero goles e foi na tanda de penaltis cando a súa selección lograba a vitoria grazas a transformación da pena máxima a cargo de Mané, o dianteiro do Liverpool, unha das grandes estrelas da selección dos leóns de Teranga.
A continuación, a festa foi sonada entre os afeccionados no local de Santiaguiño do Burgo e non era para menos; Senegal convertíase por primeira vez na súa historia en campioa da Copa de África.
Esta é unha das tantas actividades que Boa Vida e Daira Trouba levan organizando desde o ano pasado co fin de formar en asociacionismo, dixitalización, idioma, cociña e agricultura.