Fin á xeira positiva do Pontevedra, que queda seco en Leganés (2-0)
Por Diego Espiño
Tropezo do Pontevedra Club de Fútbol pondo fin a unha serie positiva que se prolongaba xa por nova xornadas. Os granates van ter pesadelos esta tempada co Leganés B (xa venceu en Pasarón), e é que o cadro pepinero aproveitou as súas escasas ocasións para levar un triunfo que fai perder corda aos de Pasarón na súa persecución do liderado.
Ángel Rodríguez recuperaba esta xornada para a causa ao seu habitual centro do campo con Yelko Pino e Miguel Román, tras a ausencia de ambos os dous fronte ao Móstoles, polo que o once parecíase ao ideal do técnico só coa presenza no lateral destro de Figueroa no lugar do lesionado Seoane.
Os pontevedreses saltaron ao céspede coa idea de dominar e tentar marcar o ritmo do partido. A posesión polo menos era súa, aínda que a boa disposición defensiva do Leganés impedía conseguir un xogo fluído e dificultaba excesivamente as chegadas á área. Aínda así, aos 6 minutos de xogo nunha rápida saída polo costado destro Álvaro Rubio servía un balón raso moi perigoso ao segundo pau á entrada en velocidade de Álex González que estivo preto de ser o 0-1, pero o disparo do capitán non atopou os tres paus.
Esa ocasión non cambiou un choque que se empezaba a parecer máis a cada minuto a unha pelexa por cada centímetro e parcela do campo, especialmente na medular, coas defensas impoñéndose aos ataques e os porteiros pasando case inadvertidos. De feito Cacharrón non interveu en toda a primeira metade, aínda que levou un susto pasada a media hora nun lixeiro desaxuste que terminou cun balón dentro da área que cazou o local Álex estrelando o seu disparo no lateral da rede. Pouco antes probábao tamén Miguel Román cun potente disparo afastado que marchou desviado.
Era un partido para pelexar e madurar, para poñer o mono de traballo, polo que Ángel Rodríguez empezou a pensar que lle facía falta un gladiador e puxo a quentar a Rufo antes do descanso.
O dianteiro, todo un loitador, non entrou ao regreso de vestiarios. Fíxoo pouco despois no minuto 50, pero co Pontevedra xa por baixo no marcador, porque nunha das primeiras accións do segundo acto o cadro pepinero conseguiría poñerse en vantaxe. O dianteiro Diego cazaba un envío en longo caído á dereita collendo á defensa descolocada, e o seu centro rematábao Mourid a pracer. Era o primeiro achegamento do Leganés en todo o partido.
O propio Aymane Mourid sería protagonista só cinco minutos despois ao chegar tarde a un balón dividido con Churre e golpear ao central granate vendo a súa segunda tarxeta amarela. Os locais quedaban en inferioridade con 37 minutos por diante ante un Pontevedra que necesitaba remontar e que se lanzaba a por iso.
Con estes ingredientes o duelo virou aínda máis cara ao dominio visitante cun filial replegado e renunciando practicamente á parcela ofensiva. Ángel Rodríguez movía ademais o banco para sacar todo o arsenal ofensivo que lle quedaba. Con todo, a claridade de ideas seguía sen chegar.
Yelko Pino remataba un centro desde a esquerda de Samu Araújo, e pouco despois o lateral tras unha boa acción colectiva plantábase ante o porteiro Sergio Valero, pero dubidou minimamente e a defensor Alba rouboulle a carteira cando tiña todo a favor para marcar.
Foi a acción máis clara do partido para o Pontevedra, porque os minutos foron caendo e pesando como unha laxa sen que chegasen as ocasións pese ao asedio. Só nun par de saques de esquina Romay de cabeza ameazo con remates que se foron desviados.
O conxunto madrileño tentaba perder tempo. Tanto que se chegaron a descontar ata 10 minutos. Daba igual porque non era o día dos granates e o único que chegou foi a sentenza. Co equipo envorcado na área contraria Javi Rubio aproveitou unha contra quedar só ante Cacharrón e terminar de sentenciar.
Non foi o día dos de Pasarón, que perden a ocasión de presionar ao líder Unión Adarve e que poden ver como a distancia con eles amplíase este domingo. Polo menos queda moita liga por diante para tentar recuperar o terreo perdido.
CD LEGANÉS B (2): Sergio Valero (Victores, min.87), Javi Rubio, Ofoli Quaye, Óscar, Rentero, Diego (Samed, min.72), Alba, Joserra, Mourid, Álex (Camacho, min.79), Lalo.
PONTEVEDRA CF (0): Cacharrón, Santi Figueroa (Oier Calvillo, min.76), David Soto, Churre, Samu Araújo (Romay, min.67), Miguel Román (Javi Rey, min.67), Yelko Pino, Álex González, Rubio (Rufo, min.50), Brais Abelenda (Marín Diz, min.67), Charles.
Árbitro: Fulgencio Madrid Martínez, auxiliado nas bandas por Rabal Caballero e Ros Gómez (Murcia). Amoestou a Javi Rubio e Sergio Valero no Leganés B. Expulsou o local Mourid por dobre tarxeta (min.53).
Goles: 1-0 Mourid (min.48); 2-0 Javi Rubio (min.95).
Incidencias: Partido da xornada 20 de liga no Grupo I da Segunda RFEF disputado nas ID Butarque de Leganés.
Relacionadas:
-
David Soto cede a súa condición de xogador con máis minutos no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Exame de conciencia no Pontevedra para recuperar "a frescura que tiñamos hai dúas semanas"
Por Diego Espiño |
-
Rufo apunta ao once fronte ao Bergantiños: "Para xogar 90 minutos dubídoo, pero está para ser titular"
Por Diego Espiño |
-
Álex González, confiado en poder asaltar o liderado: "Estou seguro que centrándonos en nós vai chegar"
Por Diego Espiño |
-
Mal menor para o Pontevedra tras o inesperado tropezo do Unión Adarve
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra viaxa a Leganés sen Seoane para seguir presionando ao Unión Adarve
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra explora a vía rápida
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra, no top 5 español de equipos con mellor cociente entre goles anotados e recibidos
Por Manu Otero |
-
Peche de mercado sen sobresaltos para o Pontevedra e os seus rivais polo ascenso
Por Manu Otero |
-
Goleada ante o Móstoles dun Pontevedra que encadea a súa novena xornada sen perder (4-1)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |