A liga galega de Orientación a pé e en bicicleta comeza este sábado en Pontevedra
Por Manu Otero
A suspensión de competicións que trouxo a pandemia parece quedar xa atrás e o calendario deportivo da cidade vai aos poucos enchéndose de eventos. Proba diso é a celebración este sábado, día 29, da primeira xornada da liga galega de Orientación que organiza o club Xesta Natureza.
Será unha cita dobre, pola mañá, con saída ao redor das 10 horas desde o curro do Monte Acibal, disputarase a primeira xornada de orientación a pé. Pola tarde, a partir das 15.30 horas e desde a contorna do Pontillón do Castro, será a quenda da proba sobre as dúas rodas.
Ambas as modalidades comezaron o ano con moito tirón. Iso extráese do alto nivel de participación. Para a proba a pé xa están anotados unhas 360 persoas de todas as idades, mentres que para a carreira en bicicleta tomarán a saída uns 140. "Son case niveis prepandemia", destacou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, na presentación da proba.
Outro detalle especial que entraña este evento é que se trata da primeira vez que o club Xesta Natureza organiza unha xornada coa Federación Galega de Orientación. "É moi difícil organizar calquer evento nestas circunstancias de pandemia", recoñeceu Javier Alvelo, presidente do ente federativo poñendo o valor o traballo dos técnicos do club pontevedrés.
De explicar os pormenores da proba encargouse Ricardo Figueroa, director da proba, para sinalar que na modalidade a pé hai anotados corredores nun total de trinta grupos de idade. "Temos de 4 anos ata de 68". sostén con orgullo. Sobre as dúas rodas, tamén hai inscritos nas modalidades por parellas e en bibicleta eléctrica.
Sobre o nivel da proba, explicou Figueroa que teñen unha "dificultade media" e que o percorrido pode completarse entre 30 e 40 minutos.