Duelo no cume para o Cisne e outra longa viaxe para un Teucro en crecemento
Por Manu Otero
Volta á competición para un Cisne que aínda non sabe o que é disputar un partido oficial no 2022. Despois de sufrir o aprazamento por casos positivos de covid-19 dos seus dous últimos partidos, Teucro e Villa de Aranda, os de Jabato volven poñerse o mono de traballo para recibir, o sábado ás 18 horas no Municipal, ao segundo clasificado da liga: o Amenábar de Zarautz.
Pola contra, o Teucro está a pegarse un atracón de partidos e de quilómetros. Despois de plantar cara este xoves ao rival cisneísta, os de Irene Vilaboa volven subirse ao autobús para viaxar a Burgos, unha complicada cancha na que esperan seguir mostrando síntomas de recuperación despois dun pésimo inicio de liga. O partido está previsto para o domingo ás 12 horas.
A falta de ritmo é a principal preocupación coa que afronta o Cisne o seu partido. Os brancos pecharon a primeira volta nun estado de forma espectacular e temen que o parón frease esa inspiración. "A ver como está o equipo, levamos moito tempo sen competir, con parón e xogadores que pasaron o covid", explica o segundo adestrador, Quiños.
O rival tamén preocupa no vestiario cisneísta. Xa na primeira volta sufriron para regresar a Pontevedra coa vitoria. "Zarautz está a facer unha tempada fantástica. É un grupo moi unido, todos son canteiráns", detalla Quiños poñendo o foco na defensa pechada e as ideas claras en ataque do rival.
A falta de ritmo non é algo do que se poida preocupar o Teucro. Máis ben a acumulación de minutos dalgúns xogadores é o que pode acabar prexudicando aos de Irene Vilaboa, que necesitan sumar puntos para abandonar o último posto da táboa.
Con todo, conseguir algo positivo da viaxe a Burgos, equipo asentado na parte alta de táboa, servirá máis para reforzar a moral que para aliviar as necesidades clasificatorias do Teucro, que non terá marxe de erros cando se enfronte aos seus rivais por evitar o descenso.
Relacionadas:
-
O Teucro cae con dignidade en Burgos (25-22)
Por Almu Dapena |
-
O Cisne impón o seu poderío sobre o Amenabar Zarautz para ser máis líder (34-27)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Un combativo Teucro resiste no primeiro tempo en Zarautz pero desfallece no segundo (27-22)
Por Redacción |
-
O Teucro quere aproveitar a recuperación dos seus partidos pendentes para seguir escalando
Por Manu Otero |
-
Comezo de ano impecable para un Teucro que consegue a primeira vitoria en liga (33-22)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Competición apraza o partido do Cisne ao detectarse un gromo de covid no seu rival, o Villa de Aranda
Por Diego Espiño |
-
Mércores 2 de febreiro, nova data para o derbi pontevedrés entre o Cisne e o Teucro aprazado pola covid
Por Diego Espiño |