O Arxil busca manter o seu idilio coa vitoria a costa do Magec Tias
Por Redacción
O Arxil iniciou o ano con vitoria e busca seguir pola senda do triunfo que leve ás verdes ao ascenso. Despois de vencer ao Alhaurín nun igualado duelo, as de Mayte Méndez regresan á súa cancha, a do CGTD, onde recibirán o domingo ás 12 horas ao Magec Tias canario.
No vestiario arxilista reina o optimismo. As xogadoras son conscientes de que o camiño cara ao ascenso será complicado, pero están convencidas de que se seguen traballando como ata o de agora e co apoio da súa afección poderán chegar á meta.
Para o encontro deste domingo, a adestradora contará con todo o persoal á súa disposición salvo coas lesionadas de longa duración Carla Fernández e María Lago.
Será a segunda vez que o Magec visite Pontevedra. Despois de conseguir a permanencia o pasado curso, as canarias souberon repoñerse a unha praga de lesións para conseguir importantes vitorias a domicilio que as poñen en disposición de pelexar pola salvación tamén esta tempada. "É un conxunto duro e rochoso, que ten xogadoras con moito baloncesto e como teñan o dia poden facer un partido moi serio como o fixeron na súa última vitoria hai un mes en Córdoba", advirten desde o club.